A falta de equipos, principal obstáculo do fútbol feminino pontevedrés

Pontevedra
21 de agosto 2023

Aínda que a maioría de clubs de base da cidade conta con nenas nas súas filas en categorías de formación, son poucos os casos de equipos integramente femininos. A nivel sénior, só o Salcedo ten a intención de sacar a competir un equipo esta campaña

Equipo feminino da SCD Salcedo no 70 aniversario da entidade (2017/2018) Sociedad Cultural Deportiva Salcedo

O triunfo de Tere Abelleira con España na final do Campionato do Mundo supuxo toda unha revolución para o fútbol feminino nacional, tamén en Pontevedra, onde centos de persoas saíron á rúa para vivir en directo a final na pantalla xigante instalada na Ferrería.

A onda de crecemento do fútbol feminino é imparable, pero por diante ten aínda por superar importantes obstáculos, con retos ambiciosos pero necesarios.

Neste sentido o principal debe segue sendo a falta de infraestrutura desde o fútbol base e tamén a nivel afeccionado e sénior. Así se pode comprobar na cidade de Pontevedra, con non poucos equipos de canteira pero casos practicamente testemuñais de proxectos integramente femininos.

De feito, para a tempada que está a piques de comezar só a SCD Salcedo está en disposición de saír a competir cun equipo sénior, recuperando a estrutura que xa mantivo durante dúas etapas e que agora quere volver impulsar.

"Sempre apoiamos o equipo feminino. O houbo nos anos 90 e despois no 2000 ata 2018", explica o seu presidente, José Antonio Barreiro. 

Levan semanas tentando recrutar futbolistas, xa que necesitan máis deportistas para consolidar o equipo. "Onte mesmo fomos a xogar un amigable a Valadares con só 12 xogadoras", sinala Barreiro.

"É complicado porque hai poucos equipos", afirma o representante da SCD Salcedo sinalando como exemplo desde hai anos a formacións como Viaxes Interrías en Sanxenxo, o Umia ou o Atlético Arousana. Todos eles de fóra da capital provincial, onde tras a disolución do Pontevedra CF feminino apenas houbo exemplos en competición absoluta.

"A ver se con este impulso e co novo campo de Salcedo somos capaces de facer un bo proxecto deportivo", defende o presidente.

O SALGUEIRIÑOS, EXEMPLO NA BASE

Pero non só fan falta equipos a nivel sénior, senón tamén na base, onde as futbolistas participan en categorías mixtas nos seus primeiros anos de formación sen poder ter despois continuidade.

Neste sentido  hai meses o Salgueiriños CF anunciou a formación de estrutura feminina, e tras varios meses buscando xogadoras está en disposición de saír a competir na categoría alevín e na cadete.

"Para sacar un equipo necesitas 18 ou 20 nenas, por iso tivemos que agrupar categorías e xuntalas en dous equipos", afirma o presidente da entidade, Óscar Guimeráns, que confía en que "co de Tere espero que haxa un boom no fútbol feminino".

As inscricións en ambos os dous casos, tanto do Salcedo como no Salgueiriños, seguen abertas animando a todas as futbolistas interesadas a probar e anotarse.