A bandeira do ITU Multisport xa está camiño de Pontevedra

Pontevedra
15 de xullo 2018

O próximo ITU Multisport, que se celebrará na cidade de Pontevedra do 27 de abril ao 5 de maio de 2019, xa está en marcha. A Boa Vila colleu o relevo de Fyn (Dinamarca) no peche dos campionatos que tiveron lugar durante toda a semana nesta illa báltica

Entrega a Pontevedra da bandeira do ITU Multisport

O próximo ITU Multisport, que se celebrará na cidade de Pontevedra do 27 de abril ao 5 de maio de 2019, xa está en marcha. A Boa Vila colleu o relevo de Fyn (Dinamarca) no peche dos campionatos que tiveron lugar durante toda a semana nesta illa báltica.

A bandeira azul que identifica a este importante evento deportivo, que reúne cinco campionatos do mundo de tríatlon ao mesmo tempo, pasou de mans do presidente da Federación Danesa de Triatlón, Mads Freuds, á do alcalde de Pontevedra.

Miguel Anxo Fernández Lores, tras recibila, fíxoa rotar entre a secretaria xeral para o deporte da Xunta, Marta Míguez; e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

"Moitos dos que están aquí virán a Pontevedra, onde todos, independente da cor política, desde o posto de cada un, faremos un campionato que pague a pena vivir", explicou Fernández Lores, animando a todos a traballar xuntos para organizar un gran evento.

Posteriormente proxectouse en dúas grandes pantallas un vídeo resumo do campionato de Fyn e outro promocional de Pontevedra, pechando así o ITU Multisport.

A cerimonia de traspaso pechou un acto no que se entregaron as medallas dos campionatos, entre eles o de tríatlon de longa distancia, que gañou na súa sección masculina o pontevedrés Pablo Dapena, fortemente aplaudido por toda a delegación galega.

Con este acto rematou o traballo da delegación pontevedresa en Dinamarca, que de cara a coordinar os traballos das seccións de seguridade, mobilidade, loxística, voluntariado e promoción, realizou durante estes días numerosas reunións con responsables técnicos da ITU e da Federación Danesa de Tríatlon.