Vetusta Morla, gran atractivo dun Portamérica que ofrecerá unha trintena de concertos

Umia
19 de abril 2018

Unha trintena de concertos, con Vetusta Morla á fronte. É a irresistible proposta que ofrecerá a sétima edición do festival Portamérica que, por segundo ano consecutivo, celebrarase na emblemática carballeira de Caldas de Reis. Será os días 5,6 e 7 de xullo

Vetusta Morla no seu concerto no Pazo da Cultura de Pontevedra Mónica Patxot

Unha trintena de concertos, con Vetusta Morla á fronte. É a irresistible proposta que ofrecerá a sétima edición do festival Portamérica que, por segundo ano consecutivo, celebrarase na emblemática carballeira de Caldas de Reis. Será os días 5,6 e 7 de xullo.

Os seus organizadores confirmaron este xoves que a banda madrileña regresará a Caldas de Reis como cabeza de cartel, oito anos despois do seu último concerto neste municipio. Fora no festival Cultura Quente.

Vetusta Morla presentará en directo os temas do seu cuarto traballo discográfico, Mismo sitio, distinto lugar, todo un éxito de vendas desde que saíu ao mercado a finais de 2017.

Xunto a eles, Portamérica desvelou o nome doutras catorce bandas e artistas que actuarán no festival. Trátase de Miranda, Los Caligaris, Imelda May, Pussy Riot, Iseo & Dodosound with The Mousehunters, Los Coronas, Mitú, ElyElla, Azul Violeta, Arturo Paniagua Dj, Carlos Méndez, Luís Brea y el miedo, Pardo e Habitación Vudú.

Todos eles súmanse a Izal, Chico Trujillo, El Columpio Asesino, La Pegatina, La Habitación Roja, Viva Suecia, La Vida Bohème, Jacobo Serra, Los Auténticos Decadentes, Mexrrissey, Neuman, Shinova, We Are Standard y We The Lion, nomes xa confirmados anteriormente.

A vertente musical completarase, como é habitual, coa oferta gastronómica, recentemente recoñecida como a mellor dos festivais españois.

O ShowRocking volverá reunir a unha trintena de recoñecidos chefs de España e América que servirán saborosas propostas culinarias creadas para o propio festival. 

Os abonos para o festival Portamérica pódense adquirir a través da súa web.

CURTAMETRAXE DOCUMENTAL

As últimas confirmacións anunciáronse o mesmo día que Esmerarte e a produtora Zinqin estrearon unha curtametraxe documental titulada El valor de las personas.

O vídeo é unha peza audiovisual que pon o foco na importancia da educación en materia de prevención e conciencia ambiental, porque "o que che emociona, queda". É dicir, a educación como garantía do futuro do noso territorio e do noso planeta.

A este respecto, Portamérica puxo en marcha a iniciativa 1 entrada, 1 árbore, unha xornada de reforestación con especies autóctonas que se celebrará unha vez finalice o festival nun monte do municipio. Nela cada un dos asistentes ao festival poderá plantar a súa propia árbore, seguindo os criterios técnicos ambientais.