Un ciclo de danza, xornadas de banda deseñada e o regreso de Núbebes, novidades do semestre cultural

Pontevedra
31 de xaneiro 2023

Pontevedra incorporará novas propostas á súa programación cultural para o primeiro semestre do ano, que completarán unha oferta "diversa e variada", segundo a edil de Cultura, Carmen Fouces, cunha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil como pano de fondo

Actividades no Festival das Núbebes 2019 Diego Torrado

Pontevedra incorporará novas propostas á súa programación cultural para o primeiro semestre do ano, que completarán unha oferta "diversa e variada", segundo a edil de Cultura, Carmen Fouces, cunha nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil como pano de fondo.

Entre estas novidades atópase as Xornadas de Banda Deseñada de Pontevedra, que se celebrarán no Pazo da Cultura entre os días 17 e 19 de marzo.

A elas acudirán numerosos autores dun sector "con entidade suficiente", segundo Fouces, para ter espazo propio na programación cultural de Pontevedra, cidade na que os cómics teñen "moita presenza" con O Garaxe Hermético, Belas Artes ou o propio Salón do Libro.

O segundo ciclo que se incorpora a esta oferta cultural será o Ciclo das Artes do Movemento, do 12 ao 16 de abril, que ofrecerá grandes espectáculos de danza, unha disciplina "que necesita máis apoio", subliñou a edil de Cultura, aínda que non teña un "público masivo".

O regreso do Festival das Núbebes, que volve a Pontevedra do 26 de febreiro ao 5 de marzo tras o parón obrigado pola pandemia, será outro dos piares desta programación, un evento que "sabemos que gusta moito na cidade", destacou Carmen Fouces.

A estas tres propostas sumaranse ciclos que xa foron presentados en semanas anteriores como Ponteatro, con seis espectáculos teatrais; ou A Foto 51 (10 e 11 de febreiro), cita de carácter divulgativo e científico con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia.

O XXIV Salón do Libro (21 de abril ao 7 de maio), ou unha nova edición do ciclo Mulleres e Inspiración (10 ao 12 de maio) coa Sinfónica de Pontevedra divulgando a presenza da muller na música clásica, serán outras das grandes apostas culturais.

No apartado musical, no que segundo Fouces haberá "máis incorporacións nas que estamos traballando", figura unha cita con As Matinés do Principal. Será o 25 de marzo con Uxía Senlle e Javier Ruibal, que traerán a Pontevedra un espectáculo vinculado con Lorca.

Tras un xaneiro marcado, entre outras propostas, polo concerto de Nacho Vegas ou a representación de Nueva York en un poeta co actor Alberto San Juan, febreiro comezará co recital poético da actriz Charo López (sábado 4).

Haberá tamén O oficio de vivir, un ciclo de cinema e saúde mental que proxectará ata marzo catro filmes sobre esta temática, o primeiro deles Amorodos salvaxes (16 de febreiro); ou a XXXIX Semana Galega de Filosofía (do 10 ao 14 de abril), co tema Filosofía e Arte.

Ademais da programación estable que impulsan no Teatro Principal tanto o Cineclube Pontevedra como a Sociedade Filarmónica de Pontevedra, diversas mulleres cómicas protagonizarán o espectáculo de monólogos Habelas hainas (11 de maio).

E, por último, en xuño o Pazo da Cultura volverá acoller a gala de entrega dos Premios Galegos da Música Martín Códax (día 7) ou os concertos de fin de curso do Seminario Permanente de Jazz (día 3) ou as orquestras da Sinfónica Cidade de Pontevedra (día 17).