Presentan unha edición especial do Álbum Nós de Castelao con motivo do aniversario da súa compra polo Museo

Pontevedra
02 de decembro 2021

A Depùtación de Pontevedra e a Editorial Galaxia publican unha edición especial institucional desta obra. Entregarase este xoves 2 de decembro de maneira simbólica no momento da inauguración do rótulo do Edificio Castelao, no inmoble museístico situado na rúa Padre Amoedo

Domínguez Lino posa con César Mosquera, vicepresidente da Deputación, co 'Álbum Nós', de Castelao Deputación de Pontevedra

O 'Álbum Nós', de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, conta xa cunha edición especial institucional que publica a Editorial Galaxia a través da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha  reimpresión realizada con motivo da conmemoración hai un ano da adquisición da obra orixinal.

A entrega deste exemplar realizarase de maneira simbólica durante o acto previsto para este xoves, a partir das 20.00 horas, de inauguración do rótulo coa denominación Castelaopara o edificio museístico que se atopa na rúa Pai Amoedo.

María Ortega, deputada de Patrimonio Documenta e Bibliográfico, Memoria Histórica e  Lingua, indica que esta iniciativa parte das conversacións sobre a difusión da obra de Castelao con Francisco Castro, director de Galaxia, editorial que ten legalmente recoñecidos os dereitos en exclusiva para a edición en formato papel e dixital de toda a obra do autor de Rianxo.

A Deputación distribuirá a publicación entre o público que asista ao acto inaugural deste xoves e tamén entre as bibliotecas municipais da provincia para que calquera persoa poida consultalas.

Segundo a deputada María Ortega, a adquisición da colección do 'Álbum Nós' provocou que o Museo de Pontevedra se convertera no centro de referencia para o coñecemento da obra de Castelao, con máis de 5.000 pezas orixinais do pensador e autor. 

Este xoves, ademais da inauguración do rótulo do Edificio Castelao e da presentación desta edición especial do 'Álbum Nós', tamén se abrirá no Museo a exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921',  comisariada por Ángeles Tilve.