Dende primeiras horas da mañá, decenas de fans adolescentes encontrábanse sentadas ante o escenario da Praza de España gardando un sitio na primeira fila. Daba igual que o sol apertase con forza. Era o día máis esperado para elas e tiñan que vivilo intensamente. Auryn chegaba a Pontevedra cos cinco rapaces de ouro: Dani, Blas, Carlos, David e Álvaro. E xa nas probas de son durante a tarde, os mozos se viron sorprendidos pola cantidade de público que se encontraba na praza. Álvaro Gango, un dos integrantes tuiteaba entón esta foto e a súa sorpresa pola presenza de tantos fans cando aínda faltaban horas para iniciar o concerto.
Media hora antes do concerto, decenas de adolescentes encontrábanse xa impertérritas mirando ao escenario. Algúns empolicáronse ao friso do edificio consistorial, outros buscaban montículos altos do acceso á Alameda para intentar ver mellor o ambiente. Chegar ás primeiras filas era unha misión case imposible. Alí encontrábanse as fans máis incondicionais. Globos, mans e móbiles, cos nomes escritos dos nomes dos mozos cantantes, mesturábanse entre os rostros expectantes e ante calquera movemento que se rexistraba no escenario comezaba un alarido de entusiasmo.
E ás 22:35 horas desatouse a loucura. Con apenas cinco minutos de atraso, tras unha introdución de guitarra e batería, os rapaces de Auryn saltaban ao escenario provocando o estremecemento das 'teenagers' que non pararon de berrar durante Route 66, o primeiro tema que a 'boyband' interpretou en Pontevedra.
Da metade da praza cara a atrás, o público asistía con menos entusiasmo. Unha nai, experta nestes evetos, dicía ás súas fillas: "A ver, ¿en este huequito véis? Si no, no os preocupéis que luego se mueve la gente". E é que nesa zona se daban cita pais que, en moitos casos, erguían os menores para que puidesen observar os movementos rítmicos dos Auryn no escenario. Decenas de móbiles, mesmo tablets, fotografaban e gravaban a actuación. Antes de afrontar a terceira canción soou o xa tradicional: "Muy buenas noches, Pontevedra" que volveu disparar o barullo. Como outros grupos do mesmo perfil tipo One Direction ou os antigos New Kids on the Block, os Auryn saben gañarse ao público e facilitar á prensa a súa promoción. Desta forma, deixaron subir aos fotógrafos ao escenario, mentres pedían aos seus seguidores que levantaran os brazos, para ofrecer unha imaxe cos miles de seguidores detrás na Praza de España que eles mesmos tweetearon tras o concerto. Movementos estudados, sorrisos, afagos ás rapazas que "sóis máis listas que los chicos" e cancións rítmicas en combinación con baladas teceron unha noite especial para todos os amantes deste grupo aos que a noite se lles fixo moi curta.
Este domingo actúan a 700 quilómetros de Galicia, en Albacete, pero antes de emprender camiño, tiveron tempo para agradecer en Twitter o cariño dos pontevedreses:
GRANDE PONTEVEDRA!!! Gracias por el cariño y el apoyoooo! Ojalá volvamos prontooo!! Besazosss!