Non están escondidas, pero case non se ven. Esta é a realidade das 80 artistas das que hai obras no Museo de Pontevedra. Os seus traballos están expostos igual que os dos artistas varóns, pero moitas veces parecen invisibles. Para darlle máis visibilidade, durante toda esta semana, a institución cultural organizou a actividade 'Artistas Visibles'.
Entre o martes e o venres, ás 18.00 horas, e dentro da programación organizada polo Día Internacional da Muller, o departamento de Educación organiza visitas comentadas que fan un percorrido para visibilizar ás artistas que forman parte das coleccións propias do Museo. Das 80 que teñen obras, céntranse na figura de 17 e o paseo inclúe paradas en 11.
A actividade responde a unha pregunta que desde hai anos se empeza a facer en museos e centros culturais de todo o mundo: onde están as mulleres artistas no Museo? "Non están escondidas, porque están expostas como os homes, pero hai que darlle máis visibilidade", explica Sabela Santos, responsable de Educación do Museo.
'Artistas Visibles' percorre as salas do Edificio Castelao e ofrece aos participantes unha completa visión de artistas de distintas correntes artísticas, cos seus condicionamentos sociais e contextos temporais e culturais dos séculos XIX e XX para, a través da súa vida e da súa obra, facer unha aproximación ás achegas das mulleres ao mundo da arte.
Carmen Babiano, Elvira Santiso, María del Carmen Alcoverro, María del Carmen Corredoyra, María Röesset, Julia Minguillón, Maruja Mallo, María Victoria de la Fuente, María Antonia Dans, Elena Colmeiro, Almudena Fernández, Tatiana Medal, Berta Cáccamo, Juana Francés, Mariana Núñez del Prado, Isabel Villa Ortiz e Sofía Morales son as protagonistas da visita.
Son nomes que representan diferentes sensibilidades creativas e, polo tanto, permiten coñecer o contexto da súa produción e a situación das mulleres no seu momento histórico.
A través dunha guía do departamento de educación do Museo, os participantes, que non precisan inscrición previa, coñecen artistas "cun percorrido diferente, comezando pola arte rexionalista de primeiros do século como María Carmen Corredoyra ou Elvira Santiso e, a medida que imos ascendendo no edificio, unha evolución a outras épocas", segundo explica Sabela Santos.
Así, por exemplo, Carmen Babiano Méndez-Núñez, que estas semanas protagoniza unha das exposicións temporais Museo, permite ao visitante achegarse a unha muller culta e de amplas inquietudes artísticas e culturais como expoñente das mulleres burguesas da Pontevedra do século XIX.
"Sempre tendemos a falar de Maruja Mallo, pero hai moitas máis", sinala Santos. Así, a escultura de Elvira Colmeiro, a obra máis academicista ou formal de Julia Minguillón ou a proposta rompedora de Maruja Mallo forman parte deste percorrido, que dura uns 45 minutos.
Esta actividade continúa a estela doutras realizadas nos últimos anos para dar a coñecer a mulleres que forman parte dos fondos do Museo e moitas veces quedan nun segundo ou terceiro plano, "para darlle máis visibilidade das que teñen".
Representan a "distintos momentos, distintas cronoloxías e carreiras", hai algunhas que coinciden en orixe ou formación, pero "todas teñen a súa impronta e personalidade".
O interese do público está a ser moi elevado, cubrindo moitos días as prazas dispoñibles, 25 por sesión.