A familia Lino vende o Album Nós de Castelao ao Museo por 650.000 euros: "lo importante era ponerlo a disposición de los pontevedreses"

Pontevedra
09 de xaneiro 2021

Resolto o misterio sobre a propiedade: pertence á familia Domínguez Lino, que descoñecía que era a obra orixinal. O autor deulla como agasallo ao seu avó, José Lino Sánchez, que "se encontraba entre las personas del círculo más cercano y de confianza de Castelao", na época na que foron veciños na rúa Oliva, entre 1928 e 1936 

César Mosquera, Xosé Manuel Rey e Enrique Domínguez Lino Cristina Saiz

A colección completa cos orixinais do Álbum Nós de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao estivo durante décadas na casa da coñecida familia Domínguez Lino de Pontevedra sen que eles foron conscientes da súa excepcionalidade. Si que sabían que tiñan láminas da colección, que o propio autor agasallara a José Lino Sánchez, pero a circunstancia que era "totalmente desconocida e ignorada" pola familia era que se tratara da obra orixinal e completa. Desde que se coñeceu, non dubidaron en que o destino tería que ser o Museo de Pontevedra e acaban de venderlla por 650.000 euros. 

O Museo xa anunciara a adquisición do Álbum Nós, pero ata este sábado non se deran a coñecer os detalles da operación e tampouco os propietarios orixinais das láminas, por expreso desexo da familia. O deputado de Cultura, César Mosquera, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey, deron a coñecer todos os datos este sábado, unha vez que a Xunta de Goberno da Deputación Provincial aprobou este venres a adquisición e tan só falta asinar o contrato definitivo.

Para o anuncio estiveron acompañados por varios membros da familia, Enrique e Patricia Domínguez Lino e a súa cuñada Mercedes del Campo. En nome de todos eles falou Enrique, fillo da ata agora propietaria da colección, María del Carmen Lino, e asegurou que "mi madre lo que quería es que la colección se quedase en Pontevedra". 

A familia recibiu varias ofertas de compra pola colección, pero rexeitounas todas, mesmo dicindo non a unha que supoñía un prezo moi superior ao finalmente pagado pola Deputación Provincial para que pase a formar parte dos fondos do Museo. Rexeitaron esas ofertas para cumprir co desexo do propio Castelao e co seu avó de que esta obra que estivo desaparecida da esfera pública durante décadas quedase en Pontevedra.

"La familia entendía que lo más importante y lo más relevante en todo este tiempo era poner a disposición de todos los pontevedreses y de todos los ciudadanos la posibilidad de disfrutar de estos dibujos, algo que quería tanto Castelao como mi abueno, José Lino Sánchez, siendo la cuestión de la titularidad de la colección Nós secundaria", explicó Enrique Domínguez Lino

Domínguez Lino deu a coñecer as circunstancias polas que o Álbum Nós chegou á súa familia. Foi de man de José Lino Sánchez, o seu avó, que mantiña unha "estrecha relación de amistad y confianza" con Castelao, pois ambos eran asiduos da casa de Antón Losada e foron membros fundadores do Partido Galeguista. José Lino, avogado de profesión, "se encontraba entre las personas del círculo más cercano y de confianza de Castelao". 

Os dous coincidiron en 1922 na Xuntanza de Estudios e Investigación Históricas e Arqueolóxicas, un grupo de traballo precedente do Seminario de Estudios Galegos no que Castelao era debuxante e no que tamén participaron Antonio Iglesias Vilarelle, Octavio Pintos ou Filgueira Valverde.

Ademais, entre 1928 e 1936 foron veciños. Castelao e a súa muller, Virxinia Pereira, alugaron un piso no edificio da rúa Oliva 4-6 propiedade da familia Lino e eran frecuentes as visitas á casa do outro. Nunha desas visitas, Castelao agasallou a Lino con 51 láminas que resultaron ser as orixinais do Álbum Nós, "en reconocimiento a su trabajo, lealtad y colaboración desinteresada con él".

José Lino agasalloullas á súa filla, María del Carmen Lino, que as gardaba nun sobre, e no ano 2016 sóubose por primeira vez da súa existencia fóra da súa familia. Foi con motivo da exposición 'Meu Pontevedra. Castelao 1916-1936' que preparou o Museo. A conservadora Ángeles Tilve preguntou á restauradora e membro da familia Domínguez Lino Mercedes del Campo se tiñan algún material, ela trasladouno e a súa sogra lembrouse do agasallo de seu pai.

Hai catro anos a familia cedeulle a colección ao Museo de xeito temporal, en depósito, e os técnicos do Museo descubriron que eran as láminas orixinais. Xa naquel momento, a familia pediu un pacto de confidencialidade para que non saíra o seu nome que o Museo respectou ata que este sábado todos compareceron xuntos na sala Castelao do Sexto Edificio do Museo. 

César Mosquera agradeceu á familia o compromiso por deixar esta colección en Pontevedra, pois a súa adquisición ten grande valor simbólico e é "unha grande noticia para o Museo, para Pontevedra e para Galicia". Recoñece que a familia tivo ofertas máis elevadas e que mesmo "puido existir o risco de que marchara de Galicia", pero "había vontade da familia para que quedara no Museo e fora propiedade pública"

Xosé Manuel Rey sinalou que este sábado 9 de xaneiro é un día "especialmente importante para o Museo" e coa adquisición desta colección avánzase cara ao "coñecemento, estudo e difusión" da obra de Castelao, ademais de cumprir coa vontade de Castelao e Virxinia Pereira de que o Museo conservara o seu legado e "reforzar a vinculación que Castelao tivo co Museo".