A devolución a Polonia dos dous cadros expoliados polos nazis que estaban no Museo salta á gran pantalla

Pontevedra
23 de maio 2023

Unha produtora de cinema polaca solicitou colaboración ao Museo de Pontevedra para incluír o caso nunha película documental que está a desenvolver

Devolución a Polonia dos dous cadros expoliados polos nazis que estaban no Museo Mónica Patxot

A historia do espolio nazi dos cadros da Dolorosa e o Ecce Homo da escola de Dieric Bouts e a devolución protagonizada recentemente polo Museo de Pontevedra a Polonia vai ser parte dunha película documental.

A empresa Mewa Film, produtora de cinema localizada en Polonia dirixida por Mariusz Pilis, púxose en contacto co museo pontevedrés para solicitar a súa colaboración, explicando que está a gravar unha película sobre as obras de arte espoliadas a Polonia por nazis durante a Segunda Guerra Mundial e a súa recuperación. 

Segundo explica a Deputación de Pontevedra, na súa comunicación a produtora polaca sinala que a historia das pinturas de Dieric Bouts "é moi interesante", cualificando a actuación da administración e museo provincial neste asunto como "exemplar e respectable".

"Impresionounos moito a declaración do Sr. César Mosquera, vicepresidente da Deputación ao dicir que é unha honra poder devolver obras que datan destes tempos escuros", subliñan.

Desde Mewa Film aseguran que a súa intención é "incluír a historia na nosa película", polo que solicitaron toda a información e documentación posible, así como poder contar con imaxes do proceso de embalaxe e preparación para o envío dos cadros a Polonia así como da cerimonia de transferencia.

A Deputación de Pontevedra confirmou que entregará este material cos correspondentes permisos de uso para a súa inclusión no documental.