A cultura e a alimentación únense a través da imaxe de Maruja Mallo

Pontevedra
01 de abril 2017

A partir da vindeira semana, as panaderías de A'Devesa repartirán as barras da Galega Dobre Centeo en bolsas de papel coa imaxe de Maruja Mallo, elaborada por Polo Camiño do Vento

Presentación das bolsas de A'Devesa sobre Maruja Mallo PontevedraViva

Con motivo do Día das Artes Galegas, 'Polo Correo do Vento'presentaba no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra o seu último traballo sobre "Mulleres galegas" dedicado á artista Maruja Mallo, a quen se dedica este ano esta data significativa. Ademais, o acto contaba con outra iniciativa orixinal, a de combinar a cultura coa alimentación.

Neste caso, presentábanse as bolsas de papel coa imaxe de Maruja Mallo que a partir da próxima semana, a panadería A'Devesa entregará aos clientes que adquiran o seu novo produto, a barra de dobre centeo, elaborada de forma tradicional. Os debuxos foron elaborados polos integrantes de 'Polo Correo do Vento' na que se recolle un retrato da artista e unha recreación do 'Caderno de Galicia' que ela elaboraba.

Os deputados Xosé Leal e Eva Vilaverde, acompañados polos concelleiros nacionalistas no goberno local de Pontevedra Anxos Riveiro, Anabel Gulías e Demetrio Gómez asistiron á presentación. Leal destacou a importancia do vincular o mundo da arte coa industria e a actividade empresarial

Pola súa banda, os integrantes de 'Polo Correo do Vento', Enrique Mauricio e o ilustrador Carlos Taboada explicaron que a cultura galega vende e é necesario darlle visibilidade ata o punto de preguntarse por que non se podían utilizar disfraces de Maruja Mallo nos Entroidos ou colgar carteis sobre esta figura destacada das artes en Galicia do mesmo xeito que se fai con outros artistas. 

Por último, Patricia Novas, directora das tendas de A'Devesa destacaba a importancia de Mallo como muller pioneira e traballadora incansable. Realizou aos asistentes unha explicación dos diferentes produtos tradicionais desta empresa panadeira para, a continuación, convidar a unha degustación no edificio museístico.

ACTO EN BELUSO

Durante a tarde, a Casa do Pobo de Beluso en Bueu acollía outro acto de homenaxe sobre a figura de Maruja Mallo que residía nesta parroquia antes de exiliarse en Arxentina a comezos de 1936. 

Foi en Bueu onde realizou apuntamentos e bosquexos que pasaron a denominarse 'Caderno de Galicia'. Neste lugar residía co seu compañeiro o sindicalista marxista Alberto Fernández "Mezquita" ata que se produciu o levantamento fascista.