A Deputación celebra o Día das Artes Galegas en Bueu cunha homenaxe a Maruja Mallo
Por Redacción
A Casa do Pobo de Beluso acollerá o sábado 1 de abril un acto de homenaxe a Maruxa Mallo. Trátase dun evento que organiza a Deputación de Pontevedra con motivo do Día das Artes Galegas.
O lugar escollido atende á relación que a artista viveirense tivo con esta parroquia de Bueu, lugar no que residía antes de exiliarse en Arxentina a comezos de 1937 e no que realizou os apuntes e bosquexos coñecidos como Caderno de Galicia.
Á hora de deseñar o acto de conmemoración, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, quixo salientar “a importancia de levar este tipo de actividades a aqueles concellos da provincia cos que a persoa homenaxeada tivo unha relación destacada, como neste caso ocorre con Bueu”.
Leal tamén aproveitou para mencionar o feito de que o que esta artista retratou durante a súa estancia en Beluso “foi de gran relevancia na súa posterior etapa artística no exilio”.
Para poñer en valor esta parte da súa historia e a importancia que tivo no desenvolvemento da súa traxectoria, a Deputación deseñou un programa orientado a todo tipo de públicos e franxas de idade.
Así, ás 18:00 horas, o salón de actos da Casa do Pobo de Beluso acollerá un contacontos a cargo de Polo correo do vento dirixido a público familiar, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. Enrique Mauricio e Carlos Taboada escenificarán a través da palabra e do debuxo a traxectoria de Maruja Mallo e os fitos máis significativos da súa vida.
Tras esta actividade familiar, ás 19:00 horas, dará comezo o acto institucional con intervencións do alcalde da localidade, Félix Juncal, do deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e do profesor e crítico de arte, Carlos López Bernárdez. O acto tamén contará coa actuación musical dun cuarteto de clarinete da Banda de Música de Bueu.
Este acto complementa a programación que o Concello de Bueu realiza para homenaxear á artista á que este ano a Real Academia Galega de Belas Artes lle dedica o Día das Artes Galegas.
Entre outras iniciativas, cóntanse as actividades que durante esta semana están realizando os alfombristas de Bueu en colaboración cos centros educativos, e que terán continuidade no Día do Corpus, onde está previsto que varias alfombras florais reproduzan obras desta artista. A estas actividades tamén se lle sumarán os actos que en maio levará a cabo o Museo Massó.
Relacionadas:
-
Unha ruta artística homenaxea en Bueu á figura de Maruja Mallo
Por Redacción |
-
As xornadas das alfombras florais de Bueu lembran a Maruja Mallo
Por Redacción |
-
A cultura e a alimentación únense a través da imaxe de Maruja Mallo
Por Anxo Lourido |
-
O Museo de Pontevedra expoñerá por primeira vez dous debuxos da serie "Fantásticas criaturas" de Maruja Mallo
Por Oskar Viéitez |