A Coral Polifónica de Pontevedra homenaxea a Castelao cun concerto

Pontevedra
28 de xuño 2016

A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra ofrecerá este xoves 30 de xuño, a partir das oito e media da tarde, un concerto de homenaxe a Castelao, un persoeiro que foi cantor, fundador, escenógrafo e presidente desta agrupación musical

Integrantes da Coral Polifónica de Pontevedra Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra

A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra ofrecerá este xoves 30 de xuño, a partir das oito e media da tarde, un concerto de homenaxe a Castelao, un persoeiro que foi cantor, fundador, escenógrafo e presidente desta agrupación musical.

Trátase dunha actividade complementaria á exposición que se inaugura este martes no Sexto Edificio do Museo, Meu Pontevedra, que analiza a pegada de Castelao en Pontevedra.

O programa estará composto por madrigais e música relixiosa, na súa primeira parte e por música tradicional galega harmonizada na segunda parte do concerto.

Ademais, no concerto será exposto o telón co emblema da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, deseñado e pintado polo propio Castelao para esta coral.

O concerto terá lugar no auditorio de Afundación.