Amplían dous meses máis o prazo para mellorar a iluminación da zona sur da cidade
Por Oskar Viéitez
Na Xunta de Goberno celebrada este xoves aprobouse unha ampliación en dous meses do prazo de execución da reposición e mellora da iluminación pública no centro urbano na zona sur que abarca desde Beiramar ata a estación de autobuses. Está a actuarse en zonas como A Barca, Riestra, O Marco e en barrios como O Gorgullón, A Moureira ou Campolongo.
"É unha obra moi importante", destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Son 600 luminarias novas, cambio de 32 cadros, 170 báculos novos para repoñer os que están deteriorados ou para substituír outros que teñen demasiada altura e o arboledo impide que funcionen correctamente.
O orzamento desta obra é de 1.300.000 euros e agora amplíase o prazo de execución en dous meses "por cuestións de choiva e a imposibilidade de traballar correctamente durante esa época de temporais", explicou o rexedor.
Lores enmarcou esta actuación dentro do "plan de renovación da iluminación en todo o concello que, contando as obras que están en execución e as que están executadas, suporá o 70% de renovación da iluminación pública municipal" cun custo duns 9 millóns de euros.
As lámpadas de sodio serán substituídas por outras de tecnoloxía led, o que implicará un menor consumo enerxético.
Quedan pendentes a parroquia de Lérez e O Burgo que xa teñen feito o proxecto. As parroquias de Tomeza e Salcedo renovaron unha parte das súas vías principais pero faltan as zonas máis rurais. Está pendente de abordar todo o centro da cidade, incluída a zona monumental.
BARCELOS
O goberno local tamén ampliou en catro meses o prazo de execución da obra da Praza de Barcelos, ata o 15 de maio de 2024. "Esperemos que este sexa o último prazo de ampliación", comentou o alcalde.
Lores destacou da importancia da reforma que se está levando a cabo, especialmente no que afecta á renovación dos pavimentos e a mellora os servizos, "cousa absolutamente necesaria en Barcelos" pois, segundo o alcalde, "levaba máis de 40 anos sen tocarse".
Relacionadas:
-
Reforzan a iluminación en 24 pasos de peóns en Campolongo
Por Redacción |
-
A Deputación prorroga os convenios co Concello de Pontevedra que ascenden a 6,2 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno municipal achaca ao temporal os fallos na iluminación pública do centro da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
O PP faise eco das queixas cidadás pola falta de iluminación pública e levaraas a pleno
Por Redacción |
-
Queixas veciñais pola inseguridade que xera a falta de iluminación pública
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra pagará uns 10 millóns en dous anos en electricidade e iluminación pública
Por Alejandro Espiño |