O Goberno local impulsa uns orzamentos para 2024 "adaptados á inflación, os xuros e os custos de persoal"
Por Natalia Puga
O Goberno local de Pontevedra xa ten un borrador "moi avanzado" dos orzamentos municipais para o ano 2024, unhas contas que de xeito "inmediato" presentará aos grupos políticos da oposición para comezar negociacións para a súa aprobación
"Vaise negociar con todos os grupos", asegurou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. As negociacións incluirán ao PP, pero, sobre todo, ao PSOE, o seu "socio preferente" a pesar de que despois das eleccións municipais de maio non lograron chegar a un acordo de goberno.
A aprobación destas contas para 2024 é "conveniente e perentoria", en palabras de Lores, que explicou que este añn 2023 se prorrogaron os orzamentos de 2022, pero para 2024 é preciso aprobar unha contas novas pola nova situación económica a nivel global.
Así, estes novos orzamentos deseñados polos servizos de Economía e Facenda foron feitos "para adaptalos á inflación", que subiu un 13% en dous anos. "Hai que adaptalos a estas circunstancias" e á suba de prezos, de maneira que son uns orzamentos "adaptados á inflación, os xuros e os custos de persoal".
Os orzamentos son "prioritarios" para o Goberno local e o seu obxectivo é "aprobalos en tempo e forma" antes de que remate o ano para que poidan estar xa aplicándose en xaneiro de 2024.
Cando falan de inflación, falan da suba de prezos xeneralizada, dos xuros, da enerxía ou dos custos dos créditos e por iso é polo que os capítulos 1 e 2 do borrador son os que máis aumentan as súas cantidades este ano, os de gasto de persoal e gasto corrente.
En gasto de persoal, pasan dos 25,7 millóns de euros de 2022 a 28,3, un incremento do 10%. En gastos correntes, pasan de 43,2 a 45,8 millóns, un incremento do 6%.
A pesar dese aumento das partidas de gastos, o Concello "manterá a súa capacidade de investimento", explicou Lores. Entre outros motivos, debe facelo porque é preciso para "complementar a execución dos fondos europeos" que teñen que ter consignada unha achega municipal. En 2022 esta partida era de 12,26 millóns e en 2024 queren que sexa de 12,1.
O borrador presentado por Lores ascendo a un global de 91,2 millóns de euros, 5,3 millóns máis que as últimas contas aprobadas en 2022, cando ascenderan a 85,9 millóns.