A rexeneración da praia de Carabuxeira levará consigo a construción dun espigón rampla
Por Redacción
O Goberno local está á espera de que Costas do Estado autorice unha intervención na praia de Carabuxeira.
O proxecto básico encargado polo Concello de Sanxenxo considera, pois, a construción dun espigón rampla composto por bloques prefabricados de formigón que se irá adaptando á topografía descendendo de cota ata entroncar cos baixos rochosos.
Garantirase así que o novo recheo de area que se verterá en Carabuxeira quede a unha cota inferior á desta estrutura, "de xeito que conforme a praia vai descendendo progresivamente de cota tamén o faga o espigón", comentaron dende o Executivo municipal.
A actuación levará consigo a execución dunhas obras destinadas a conter a zona este da praia e facilitar á vez o avance da zona oeste, aproveitando para iso a configuración dos baixos rochosos existentes e optando por unha solución que supoña o menor impacto posible nese ámbito.
Esta actuación estará complementada coa realimentación da praia, na que se depositarán 18.000 m3 de area fina para garantir un ancho medio de 30 metros. Desta forma, 13.000 m3 estarán distribuídos no espazo activo deste enclave singular, mentres que o resto pasará a formar parte do núcleo da praia.
Para desenvolver este proxecto foi necesario realizar un estudo topográfico, da batimetría, do clima marítimo, da propagación da ondada e da dinámica do litoral, co obxectivo de analizar as posibilidades existentes á hora recuperar a praia de Carabuxeira e coñecer a opción máis axeitada.
"A preservación das praias do municipio é unha prioridade para este Goberno, como vimos demostrando coa implicación do Concello en campañas internacionais como Bandeira Azul e coa realización de proxectos como o de Carabuxeira xa xestionado por nós ante os organismos competentes e á espera da súa autorización", recordaron dende o Executivo local.