O paseo de San Vicente esmorece ante a falta de mantemento
Por Alejandro Espiño
Mires onde mires, o paseo que bordea as praias de San Vicente do Mar, desde o porto deportivo ata a zona do Con Negro, está sempre entre as recomendacións das guías turísticas das Rías Baixas, pola beleza da súa paisaxe e a súa proximidade co mar.
Pero, dun tempo para esta parte, o paseo -que na súa maior parte está construído con madeira- non se atopa nas súas mellores condicións. Dúas décadas despois da súa inauguración, cada vez son máis os danos que presenta o seu percorrido.
E todo iso sen que, polo menos aparentemente, as administracións se preocuparan de poñer freo á súa constante deterioración. Táboas movidas, varandas rotas ou mobiliario urbano esnaquizado foron algúns dos danos que se rexistraron nos últimos anos.
O cada vez maior número de persoas que pasean por el, o paso do tempo sen que realice ningún mantemento máis aló de rozas periódicas nos seus bordos, diversos actos vandálicos e o efecto dos temporais e das mareas afectaron ao seu trazado.
Así, son xa varios puntos onde a Policía Local e os servizos de emerxencias do Grove tiveron que apontoar o paseo e, no peor dos casos, prohibir ata o paso.
A situación máis delicada dáse no tramo do paseo que atravesa a praia de Burato da Londra, onde nos últimos días esborrallou parte da estrutura, debido ao mal estado da madeira, podrecida xa nalgunhas zonas, e o efecto do temporal.
Ademais, a perda de area que se rexistra nesta praia deixou varios dos piares do paseo sen suxeición e, actualmente, atópanse no aire sen ningún tipo de apoio.
Esta situación xerou numerosas queixas entre os residentes e os turistas, que aseguran non entender o descoido que as administracións están a ter cun paseo que, ata hai non moito, era exemplo dunha actuación responsable e sostible sobre a costa.