Caldas de Reis quere abrir as Pozas da Tafona a principios de 2024
Por Redacción
O aproveitamento lúdico das augas termais por parte da veciñanza poderá ser unha realidade a primeiros de 2024. Ese é obxectivo co que traballa o Concello de Caldas, que busca fórmulas para abrir as Pozas da Tafona, "que levan agardando vinte anos para ser utilizadas".
Así o destacou o concelleiro de Cultura, Deportes, Turismo e Saúde, Manuel Fariña, que anunciou que o Concello vai contratar unha asistencia técnica para que faga un estudo pormenorizado de situación e realizar un proxecto de aproveitamento para obter as autorizacións correspondentes.
"Queremos abrilas canto antes para que a auga, que é un ben público, estea a disposición e goce de veciños e veciñas, e que tamén sexa un reclamo turístico para Caldas de Reis, para atraer turismo de calidade", asegurou Fariña.
No estudo da situación realizarase unha análise da documentación existente sobre a auga, a súa declaración de termalidade ou o seu estado do expediente administrativo.
Isto complementarase cunha visita de campo para comprobar o estado das captacións e toma de mostra de auga, e determinar as características principais desta, realizando unha análise completa por laboratorio acreditado recollendo parámetros, por exemplo, sobre os carbonos da auga, os residuos, sulfatos, cores, ou turbidez da auga, entre outros.
Así, nesta primeira fase determinarase a posibilidade da tramitación do aproveitamento lúdico das augas, a súa idoneidade, o contido e a xustificación como lúdico.
En base as resultados da fase anterior, a segunda fase dos traballos será de elaboración da documentación técnica e administrativa necesaria, e a tramitación da autorización de aproveitamento como uso lúdico segundo o regulado pola lei vixente.
A terceira fase da asistencia consistirá no asesoramento técnico-administrativo ao Concello de Caldas de Reis na elaboración da documentación de xustificación do servizo municipal de apertura do aproveitamento lúdico da auga.