Catro estudantes de institutos pontevedreses, premios extraordinarios ao rendemento académico
Por Redacción
Baltar Morgade Lores, do IES Luis Seoane, polo seu esforzo educativo; e ÿrsula Andrea Martínez Álvarez, do IES Valle Inclán, e María Bará Louro e Andrés Vidal González, do IES Sánchez Cantón, polo seu rendemento académico. Son os nomes dos alumnos dos institutos da cidade de Pontevedra que recibiron os premios extraordinarios da ESO, convocados pola Consellería de Educación.
Foron recibidos este venres polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen os felicitou e animou a continuar por esta senda "dado que son un exemplo para a sociedade e unha representación da mocidade de Pontevedra", todo un orgullo, dixo, para o Concello. O alcalde sinalou que todos os premiados estudan en centros públicos, "de aí a importancia do ensino público para construír unha sociedade máis cohesionada e igualitaria".
Aos premios extraordinarios da ESO pode presentarse o alumnado que ten expediente igual ou superior a un 9 de nota media. Concorren a un exame, que neste caso celebrouse o pasado mes de outubro, no que se seleccionan os 20 mellores de Galicia. En Pontevedra foron tres alumnas premiados, sendo ÿrsula Andrea Martínez Álvarez, do Valle Inclán, a número 1 de toda Galicia. Como premio reciben 750 euros.
Con respecto ao esforzo educativo os premios son a proposta do centro, atendendo a circunstancias que concorran e que fagan merecedora de recoñecemento. Tamén reciben un premio de 750 euros. En Pontevedra houbo un alumno premiado: Baltar Morgade Lores, do IES Luis Seoane.
Segundo as bases dos premios o obxecto é "dar recoñecemento público ao esforzo e dedicación do alumnado desta etapa educativa, reforzar aqueles aspectos que inciden na mellora do sistema educativo e xuntar excelencia con equidade, igualdade de oportunidades e posibilidades de desenvolvemento persoal".