Os abortos reducíronse un 5% en 2013 no CHOP e practicáronse 420
Por Redacción
O departamento de Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra rexistrou durante o ano 2013 un total de 420 abortos, dos que 400 se practicaron a mulleres que estaban por debaixo das 14 semanas de xestación e 20 a pacientes nas que se detectaron malformacións no feto.
Os datos achegounos este venres o xefe do Servizo de Xinecoloxía e Obstetricia do CHOP, Eloy Moral Santamarina, durante a presentación do balance de actividade da Área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés en 2013. O especialista explicou que dende que no CHOP empezaron a practicarse abortos no ano 2009 se observou unha "demanda creciente" de solicitudes de interrupción voluntaria do embarazo, pero a tendencia inverteuse o ano pasado, cando se reduciron nun 5%.
Explicou que dende a implantación do aborto no CHOP se aplicaron con normalidade as dúas leis que houbo vixentes. Ata xuño de 2010 aplicouse a lei do ano 1985 e dende entón a normativa actual, aprobada polo Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, que autoriza a libre interrupción do embarazo durante as primeiras 14 semanas de xestación e o aborto ata a semana 22 en caso de malformación do feto.
Das 420 solicitudes formalizadas en 2013, todas se autorizaron e, segundo explicou Eloy Moral, das pacientes que solicitaron esta interrupción voluntaria do embarazo"se puede pensar que el perfil mayoritario son pacientes adolescentes, pero no, ni aquí ni a nivel nacional". Así, a maioría foron mulleres de entre 30 e 40 anos, cunha parella estable e en moitos casos que xa tiveran algún embarazo previo.
Eloy Moral rexeitou entrar a valorar a controversia social suscitada en torno ao anteproxecto da nova lei do aborto e dar a súa opinión persoal sobre a iniciativa porque "la polémica que hay en el país es notoria", pero "independientemente del punto de vista personal, yo tengo un cometido que es poner en marhca un trabajo para una ley pendiente de salir". Si asegurou que el non ten ningún tipo de problema de obxección de conciencia.