O Estado cualifica de "argucia fraudulenta" o pago da extra e o Concello non ve "eivas" na súa legalidade
A "argucia maquinada" polo Concello de Pontevedra para compensar a paga extra aos seus funcionarios foi "fraudulenta". Ese foi o argumento principal esgrimido polo Avogado do Estado, Juan José Vázquez Portomeñe, no xuízo celebrado este xoves no Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra. O obxectivo da demanda presentada é que os funcionarios municipais reintegren o diñeiro cobrado "irregularmente".
Vázquez Portomeñe afirmou que existe unha "evidencia abrumadora" de que o Concello de Pontevedra "deliberada y conscientemente" desobedeceu o establecido no Real Decreto 20/2012 polo que se retiraba a paga extra de decembro a todos os traballadores públicos. Un "desacato", apuntou, que foi "aireado pública y reiteradamente" polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "presumiendo de dicha rebeldía".
A "fraude" demóstrase, segundo o Avogado do Estado, cando aínda que se retirou dita paga extra, o gasto de persoal en horas extra pasou dos 24.925 euros de 2011 aos 734.726 euros de 2012, un aumento do 2.800%. Un complemento que cobraron 464 persoas, aínda que só se recorre o pago a uns 300 funcionarios, xa que o persoal de Policía Local, Bombeiros, Pazo da Cultura e IMD cobraron a través dun segundo expediente "que estamos analizando".
Asegura que neste complemento recóllese unha "evidente falsedad de las causas", ao entender que a súa remuneración foi "indiscriminada", que non se apreciaba un aumento "extraordinario" da actividade, que non existen precedentes de pagos similares e que as horas extra non foron retribuidas conforme ao convenio "sino ocho veces más caras". Todo a pesar, dixo, de informes de Persoal e Intervención que terían alertado de dita irregularidade.
Tras cualificar esta manobra como "absurdo subterfugio" e criticar que a transparencia no concello "brilla por su ausencia", Vázquez Portomeñe concluíu asegurando que o goberno municipal "no ha sido capaz de esgrimir un solo argumento razonable por el cual se justifique que este complemento de productividad". Por iso, insistiu en que "resta por lo tanto un motivo principal, defraudar el Real Decreto de forma premeditada".
ARGUMENTOS DO GOBERNO MUNICIPAL
Xabier Munáiz, que exerceu a defensa dos intereses do goberno municipal, insistiu pola súa banda en que o diñeiro abonado aos funcionarios polo Concello de Pontevedra "non ten nada que ver coa paga extra" suprimida polo Goberno. "Se respetaron os designios da lexislación estatal", afirmou, xa que recordou que no seu momento declarouse como crédito non dispoñible os 900.000 euros correspondentes a esa extra de Nadal.
Munáiz indicou que o que se abonou aos traballadores municipais foron dous complementos de productividade: un polo "anormal" incremento de actividade municipal experimentado entre o 1 de setembro de 2011 e o 31 de agosto de 2012, agravado, sinalou, polo feito de que a lexislación impide cubrir as vacantes no persoal laboral; e outro polas 16 horas extra que os traballadores realizaron entre setembro e outubro de 2012.
"Unha cousa son as proclamas políticas e outra a realidade das cousas", sinalou Munáiz ante as críticas de Vázquez Portomeñe a Lores
Non se pode falar de paga extra, reiterou en varias ocasións, xa que "non se cobrou ou 100% correspondente" e tampouco recibiron este complemento todos os traballadores municipais nin na mesma proporción, senón aqueles que xustificaron o traballo realizado a maiores. Todo iso, dixo, independentemente das declaracións políticas que se realizaron "porque unha cousa son as proclamas políticas e outra a realidade das cousas".
O avogado mostrou a súa sorpresa porque se presente un recurso únicamente contra a "resolución de pago" de ditos complementos asinada polo concelleiro de Facenda "e non ningún dos acordos previos", entre eles os adoptados na Xunta de Goberno na que se ditaminaron os requisitos para que os funcionarios puidesen cobrar ese diñeiro ou a modificación de crédito de 760.000 euros aprobada en Pleno para poder efectuar estes pagos.
"Seguramente non os recurriron porque non tiñan ningunha eiva de legalidade", sinalou Xabier Munáiz, quen cualificou como "extravagante" que se reclamen só 450.000 euros, e non os 220.000 restantes correspondentes aos traballadores da Policía Local, Bombeiros e os organismos autónomos. Se se ordena a devolución deste complemento produciríase, dixo, unha situación "necia e inxusta", xa que uns 300 "infelices" terían que reintegrar o diñeiro e outros 150 non.
O xuízo quedou visto para sentenza, aínda que o Xulgado enviará un requerimento para que o Concello de Pontevedra remita comprobantes de que todos os expedientes relativos a este asunto foron entregados á Subdelegación do Goberno, algo que ao Avogado do Estado asegurou que "non me consta" e que Munáiz di que poden acreditar ao contar con selo de entrada no rexistro. Algo que cuestionaría a falta de transparencia alegada polo primeiro.
CONCENTRACION POLITICA E SINDICAL
Fernández Lores insistiu en que esta demanda, "incitada" polo portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, é unha "represalia" contra o Concello de Pontevedra
Antes do inicio do xuízo, membros do goberno municipal, encabezados polo alcalde, e representantes sindicais da Xunta de Persoal do Concello de Pontevedra protagonizaron unha concentración ás portas do xulgado. Con ela querían ratificar que "a decisión que tomamos foi correcta e que a tomariamos outra vez, estamos orgullosos de tela tomada", dixo Miguel Anxo Fernández Lores.
Asegurou que "independentemente de como salga a sentenza", o goberno municipal defende o pago deste complemento de productividade para compensar a retirada da paga extraordinaria aos seus funcionarios, unha medida aprobada polo goberno central "que foi en contra dos intereses xerais da cidadanía, dos dereitos de traballadores e dunha cidade de servizos como é Pontevedra".
Fernández Lores insistiu en que esta demanda, "incitada" polo portavoz municipal do PP, Jacobo Moreira, é unha "represalia" contra o Concello de Pontevedra. Recordou que Pontevedra é o único concello denunciado pola Subdelegación do Goberno, malia que "outros concellos fixeron cousas semellantes", como é o caso de Cangas, Bueu ou A Illa de Arousa.
Neste sentido, o Avogado do Estado sinalou que só se denunciou a Pontevedra porque "en todas las corporaciones municipales de la provincia se produjo una exhaustiva indagación", en relación á eliminación da paga extraordinaria "y solo en el caso de Pontevedra se constató que efectivamente existió un intento defraudatorio por eludir las consecuencias de esta norma y por eso exclusivamente es la que ha sido demandada por vía judicial".
Relacionadas:
-
O Concello gaña a sentenza das 'pagas extra' e Moreira asegura sentirse "satisfecho"
Por Redacción |
-
Insisten na "absoluta transparencia" municipal na tramitación da compensación da paga extra
Por Alejandro Espiño |
-
Jacobo Moreira espera que o Estado perda o recurso contra o Concello de Pontevedra polo pagamento da 'extra'
Por Oskar Viéitez |
-
Ningún político declarará este xoves no xuízo pola paga extra abonada aos funcionarios
Por Alejandro Espiño |