Fin ao Campalledo, que en xullo xuntou en Carballedo nenos de toda a provincia para facilitar a conciliación
Por Redacción
Cerdedo-Cotobade di adeus a unha nova edición de Campalledo, o campamento organizado pola Federación de ANPA de centros públicos da provincia de Pontevedra (FANPA) para favorecer a conciliación entre a vida laboral e familiar.
Estas iniciativa, que conta coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade, consiste nun campamento lúdico para nenos e nenas de 8 a 16 anos que se desenvolve a través de dúas quendas do mes de xullo no CEIP Plurilingüe de Carballedo.
Esta iniciativa lúdica pretende tamén servir para que os participantes, chegados de toda a provincia de Pontevedra, coñezan mellor o seu entorno e gocen da natureza, as paisaxes e o rico patrimonio natural, etnográfico e cultural, ademais de vivir experiencias que os axuden a formarse como persoas.
Nesta edición de Campalledo, os asistentes fixeron actividades lúdicas e practicaron xogos, pero tamén visitaron a Panadería Francisco de Carballedo e a piscifactoría e puxeron en marcha un obradoiro da memoria no Centro Cultural Antonio Fraguas coa participación de persoas maiores.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, manifestou a súa satisfacción porque a FANPA elixira de novo este concello para realizar esta iniciativa. "Sentímonos moi orgulloso de que a FANPA nos escollera para organizar este campamento lúdico, o que dá boa conta da potencialidade turística e do patrimonio natural que atesoura o noso concello o que supón un activo determinante á hora de albergar actuacións destas características", sinalou.
Para Cerdedo-Cotobade, en palabras de Cubela, é "fundamental" facilitar a organización de actividades durante o período estival que vaian encamiñadas a facilitar a conciliación entre a vida laboral e a familiar como elemento de cohesión social e tamén como alternativa saudable para que os nenos e nenas poidan aproveitar as súas vacacións dun xeito positivo, creativo, lúdico e formativo”.
Relacionadas:
-
25 familias de Tenorio e Carballedo benefícianse do Plan Concilia Mañáns
Por Redacción |
-
Suspenden a iniciativa lúdica estival para escolares Campalledo 2020
Por Redacción |
-
Máis de 150 nenos participan nas ludotecas e campamentos de verán de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade xa pensa no verán... e en favorecer a conciliación
Por Redacción |
-
Medio cento de rapaces participarán nunha nova edición de Campalledo
Por Redacción |