Nova fase da mellora urbana de Santa Lucía co pintado de once rúas
Por Redacción
O Concello de Moraña vai afrontar unha nova fase da mellora urbana do núcleo de Santa Lucía co pintado de once rúas, que se corresponden coa práctica totalidade das existentes no núcleo urbano e que tamén inclúe a travesía que une a estrada autonómica PO-221 co núcleo do Covelo.
O alcalde de Moraña, Sito Gómez, anunciou esta nova actuación tras visitar as zonas beneficiadas acompañado por membros do goberno local. "Nos últimos tempos estamos a acometer unha completa modernización do casco urbano de Santa Lucía para que estea máis humanizado e sexa máis confortable para os veciños e por elo realizamos diversas obras ao tempo que ampliamos a reformamos gran parte das beirarrúas, polo que imos seguir nesta liña e agora imos a executar un pintado integral que redundará no reforzo da seguridade viaria e na mellora da imaxe xeral da nosa principal localidade", manifestou o rexedor local.
Esta nova actuación contará cun orzamento de preto de 30.000 euros e a empresa adxudicataria disporá dun prazo de execución dun mes co obxectivo de que a obra estea rematada antes da 54ª Festa do Carneiro ao Espeto.
A mellora centrarase no pintado da sinalización horizontal nas zonas das once rúas beneficiadas polas que se produce a circulación de vehículos e nos espazos de comunicación con lugares de tránsito peonil. Deste xeito, acometerase este pintado para a delimitación de prazas de aparcamento, delimitación de velocidade, pasos peonís ou cebreados, entre outros.
"Imos manter a regulación da sinalización horizontal exactamente como está agora mesmo, non vai haber ningún cambio, pero loxicamente, polo paso de tempo, o tráfico, a climatoloxía e as afeccións das obras realizadas, moitos dos pintados estanse a borrar ou non se ven axeitadamente, polo que é preciso volver a facelos para que sexan visibles perfectamente e todo elo redunde na seguridade viaria da vila", detallou Sito Gómez.
Finalmente, o alcalde morañés concretou que as rúas que van a ser pintadas son a N- 1 no treito da estación de servizo, a N-1 xunto ao centro de saúde, a N-5, a N-6, a N-8, a N-9, a N-10 nas inmediacións do centro de saúde, a N-11, a N-12, a N-19, a N-13 e a citada travesía do Covelo.
Relacionadas:
-
Moraña impulsa a renovación de todo o alumeado público nas nove parroquias do municipio
Por Redacción |
-
Xuño rexistrou unha baixada xeneralizada do paro en todos os concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Rescatan seis cachorros que foron abandonados nun contedor de Moraña
Por Redacción |
-
Protestas na empresa téxtil Vertifil de Moraña polo despedimento de persoal
Por Redacción |
-
A Festa do Carneiro ó Espeto de Moraña abre o prazo de reserva de lotes
Por Redacción |