Ana Pontón, na Illa de Arousa: "desde Madrid vese moi lonxe a costa galega e non se atenden as necesidades do noso sector do mar"
Por Anxo Lourido
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visitaba este luns A Illa de Arousa para manter un encontro coas mariscadoras coa intención de recoller as súas propostas para este sector estratéxico. Pontón estivo acompañada durante esta reunión por Carme da Silva, cabeza de lista por Pontevedra da formación nacionalista ao Congreso dos Deputados.
A portavoz nacional sinala que "desde Madrid vese moi lonxe a costa galega e non se atenden as necesidades do noso sector do mar", lembrando que é unha actividade fundamental para a economía galega e con potencialidade para o futuro.
Explicou que tanto os gobernos do PP como do PSOE discriminan os temas importantes para Galicia como é o caso da rexeneración das rías. Por este motivo, insistiu na necesidade de que a cidadanía apoie nos comicios a creación dun grupo galego forte no Congreso.
Considera necesario establecer un Plan integral de rexeneración das rías galegas e crear unha rede de bases de loita contra a contaminación do medio mariño ao longo de todo o corredor marítimo fronte á costa galega. "Temos 1.500 quilómetros de costa, un ecosistema de extraordinaria riqueza, ambiental e produtiva que precisa un sistema de protección á altura", engadiu Pontón.
Tamén quere impulsar unha aposta polo produto que sae das rías galegas, de forma que o orgien quede claro ante o consumidor.
A estes puntos suma a mellora das condicións laborais das mariscadoras co recoñecemento das doenzas que parecen estas traballadoras como enfermidades laborais. Entende que hai que promover coeficientes redutores da idade de xubilación para este sector.
Pola súa banda, Carme da Silva, argumentou que é necesario achegar a Galicia ao lugar de toma de decisións sobre os asuntos do mar. Lembrou que o porto do Xufre está a 641 quilómetros do Congreso dos Deputados en Madrid, onde se toman as decisións que afectan "ás persoas que viven do mar".
A representante nacionalista expuxo que moitísimas mulleres tanto a pé como á flote que traballan do marisqueo precisan que as súas enfermidades laborais sexan recoñecidas e por iso considera que é preciso que as necesidades da Illa "se decidan aquí, non quilómetro cero, non a 641 quilómetros", manifestou Da Silva.
Relacionadas:
-
Ana Pontón, do BNG: "a nosa papeleta vale para dar peso a Galiza e para frear a extrema dereita coa que se alía o PP"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O BNG preséntase como dique de contención contra a dereita, que, "de ganchete con Vox", pretende "borrar as mulleres"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Ana Pontón asegura que "do que nós dependa a dereita e a extrema dereita non van gobernar no Estado español"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carme da Silva repetirá como cabeza de lista do BNG ao Congreso por Pontevedra
Por Natalia Puga |