Fiscalía insiste en encarcerar a tres sindicalistas por participar nun piquete
Por Oskar Viéitez
Visto para sentenza quedou o xuízo contra tres sindicalistas por unhas supostas coaccións durante a folga da alimentación do 2009.
De novo os tres principais sindicatos, UXT, CC.OO e CIG, cos seus máximos dirixentes en Galicia á fronte, mostraron o seu apoio aos procesados, denunciando conjuntamente a sentenza que condea a cárcere a tres sindicalistas, Carlos Alján e Marcos Cadórniga de CIG, e a Carlos Búa de Comisións Obreiras.
Na sección segunda da Audiencia de Pontevedra reproducíronse os testemuños gravados durante o primeiro xuízo ás empregadas do supermercado no que entraran os acusados para informar da folga e instar aos traballadores a sumarse a ela.
Os seus avogados insistiron en que estas testemuñas deixan "ben claro" que estes tres sindicalistas "non ameazaron nin coaccionaron a ninguén e moito menos causaron destrozos". Sostiveron os letrados que se houbo tensión, foi a propia dunha situación de conflito laboral, "nin máis nin menos". Co que demandaron a libre absolución dos acusados.
Carlos Búa, de CC.OO, Carlos Alján e Marcos Cadórniga, de CIG foron condenados en primeira instancia polo xulgado do Penal número 1 de Pontevedra a tres anos e un día de prisión.
O fiscal reiterou que cometeron un delito contra os traballadores ao cominar "de xeito airado e coercitivo" a un grupo de empregadas dun supermercado da rúa Benito Corbal da capital a sumarse á xornada de folga.
Á saída do xuízo o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luís García Pedrosa afirmou que "quedou demostrada unha evidente mala fe do fiscal que trata de relacionar e imputarlles a actuación dun piquete que estaba fóra do supermercado facéndolles a eles responsables".
O seu homólogo en CIG, Rafael Igrexas, abundou nas súas críticas á actitude da fiscalía "porque nin a empresa acudiu a esta causa. En cambio a fiscalía está preocupada por uns feitos intrascendentes para condenar a tres sindicalistas debido ás protestas que hai contra os recortes. Non teñen a mesma actitude contra os defraudadores nin contra os chourizos de luva branca", asegurou.
Finalmente, o secretario comarcal de UGT, Ramón Vidal, lamentou que ás portas dunha convocatoria de folga xeral "isto en absoluto axuda".
"Nós tamén observamos que hai unhas directrices por parte do goberno que iniciden neste camiño: todo aquilo que discrepe e que molesta agora mesmo está sendo agredido e o dereito á folga debe prevalecer por encima doutras circunstancias", concluíu.