Adeus definitivo ao crematorio de San Amaro e ao tanatorio de Arcebispo Malvar
Por Alejandro Espiño
A vaga de crematorios que espertou, alá por 2012, unha gran indignación veciñal en Pontevedra quedou finalmente en auga de borraxes. Os dous proxectos máis cuestionados, o crematorio de San Amaro e o tanatorio de Arcebispo Malvar, xa son historia.
Os servizos urbanísticos do Concello denegaron definitivamente a licenza solicitada no seu día por Funespaña para construír un crematorio anexo ao cemiterio de San Amaro.
A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, explicou que esta decisión está motivada porque tras solicitarlle á compañía unha serie de documentación, entre ela o proxecto de urbanización, Funespaña xamais remitiu nada.
"Os interesados nunca fixeron trámite algún para iniciar ese proxecto", sostivo Gulías.
O tanatorio previsto entre as rúas Arcebispo Malvar e Avenida do Uruguai, pola súa banda, viu como a súa licenza caducou.
Desde a súa concesión, as promotoras tampouco realizaron ningún trámite administrativo ante o Concello, polo que todos os prazos recollidos no permiso venceron.