O PSdeG-PSOE pide a restauración integral da ponte de Ponte Sampaio
Por Redacción
O accidente que o día de Noiteboa derrubou varias pedras da ponte medieval de Ponte Sampaio segue a dar para lea política e entre administracións. A deputada do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, Patricia Vilán, lamentou este venres as "distorsionadas declaracións" do voceiro do PP en Pontevedra, Jacobo Moreira, e recomedoulle que, antes de falar, lea as iniciativas presentadas polos socialistas galegos para que a Xunta proceda a unha restauración integral da ponte.
Esta restauración integral suporía uns traballos que nada teñen que ver coa reparación puntual dos danos recentes. A Xunta é titular da ponte, pero o Concello ofreceuse a reparala. En todo caso, polos danos terán que indemnizar o propietario do vehículo ou a súa compañía aseguradora e Patricia Vilán cre que mesturar o suceso puntual co que ocorre na ponte "é un triste intento de confundir aos cidadáns e só evidencia a demagoxia coa que actúa habitualmente o portavoz do Partido Popular en Pontevedra".
Na súa opinión, o máis significativo das confusas manifestacións de Moreira é a súa insistencia en culpar ao Concello de Pontevedra dunha suposta demora nesa pequena reparación, e mesmo esixirlle celeridade, cando a ponte medieval está inserida na estrada autonómica PO-264 e forma parte da rede de estradas da Xunta de Galicia, tal como aparece recollido no Inventario de Estradas da propia Xunta. "Outra cousa é que o Concello, diante do abandono habitual da Xunta, se anticipe e asuma as reparacións", sinala.
Patricia Vilán remarca que nas iniciativas presentadas polos socialistas no Parlamento tamén se destaca que a ponte ten carácter patrimonial e está catalogada, polo que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural "non pode agocharse e fuxir das súas responsabilidades".
Polo tanto, opina que "en lugar de tratar de liala coa anécdota dos danos causados por unha colisión de tráfico, a Xunta, o Partido Popular e as súas correas de transmisión deberían centrarse na restauración integral dunha ponte de alto valor patrimonial e histórico e que se atopa nun estado lamentable".
Relacionadas:
-
O BNG insta á Xunta a elaborar un proxecto de conservación da ponte de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O Concello reclama á Xunta que restaure a ponte danada de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O PP esixe celeridade ao Concello para o arranxo da ponte medieval de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O PSdeG-PSOE reclama á Xunta a reparación urxente da ponte medieval de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Comezan os trámites para reparar a ponte medieval de Ponte Sampaio, danada por un accidente
Por Redacción |