Compartir piso xa non é cousa de estudantes
Por Manu Otero
Pontevedra é unha cidade universitaria. Durante anos, boa parte da oferta de pisos de alugueiro copábana estudantes que desembarcaban na cidade do Lérez no mes de setembro chegados de todos os recunchos de Galicia. Os universitarios non se foron, pero saíulles competencia. A precariedade laboral, a subida do prezo do alugueiro e a inflación empuxou á clase traballadora máis nova a compartir piso.
"A quen non lle gustaría vivir só? Podes chegar a permitircho, pero traballaría para pagar alugueiro e facturas. Só niso iríase máis de medio soldo. E unha tamén quere vivir, ir ao ximnasio ou saír a tomar algo con amigos. Terías que poñer límites en moitísimas cousas para tomar un alugueiro soa", recoñece Ornela Miranda, que comparte piso desde a súa chegada a Pontevedra hai máis de dous anos.
A moza sostén que non pode queixarse das súas condicións laborais. "Teño a sorte de estar fixa e con contrato a 40 horas semanas, que hoxe en día non é nada fácil, e aínda así estou a compartir piso", relata.
Nunha situación laboral menos favorable atópase a súa compañeira Ainhoa Pazos. "Levo moitos anos traballando en hostalería con soldos duns 1.000 euros ou menos, dependendo das horas. Iso levoume sempre a compartir piso. Decidín deixar a hostalería para buscar un sector máis asentado e resulta que non atopo nada por máis de dous meses, tendo traballo dous meses si e outro mes non, non podo permitirme vivir soa", confesa esta marinense que agora traballa nun supermercado cun contrato de 30 horas semanais, "o que significa que non chego nin a 1.000 euros", lamenta.
Para vivir dunha forma máis desafogada, tamén decidiu compartir gastos e fogar Daniel Casás, que convive desde o 2021 cun amigo seu. "Preferimos compartir gastos e vivir xuntos para non ter que privarnos de case nada a ter que vivir sós e estar pendentes do diñeiro", sinala este veciño da Praza do Teucro.
O prezo do alugueiro é o principal escollo que atopan os recentemente incorporados ao mercado laboral á hora de tomar a decisión de independizarse, pero non é o único. "Os pisos en xeral están por máis de 500 euros cunha ou dúas habitacións", quéixase Ainhoa. Unha cota mensual á que hai que engadir as facturas de luz, auga, lixos ou Internet entre moitos outros gastos fixos. Todo sen citar a subida de prezo do carro da compra. "No inverno, a factura da luz chegounos a 100 euros", detalla Ornela. "A maiores do piso, estou a pagar o coche, que é algo que me faría aínda máis difícil vivir só", engade Daniel, traballador dunha distribuidora farmacéutica.
Nalgúns casos, a calidade das vivendas tamén deixa moito que desexar. "En marzo do 2021 fomos a un piso en Cruz Gallástegui, pagabamos 600 euros ao mes, non tiñamos garaxe nin rocho e era un piso normalito", ilustra Casás, moito máis satisfeito co seu novo piso na zona vella polo que pagan menos. En peores condicións viviu Miranda no seu primeiro piso en Pontevedra, "pagabamos 430 euros por un piso en condicións pésimas, habitacións diminutas con armario diminuto, mobles roídos... daba pena. Estaba no centro, si, pero parecíame un alugueiro excesivo para o que era o piso", apunta.
Acceder a un piso en alugueiro ou mudarse a outra vivenda tampouco é tarefa fácil. "Hai uns meses busquei outro piso, por ver o que había, e foime imposible porque non teño un bo soldo. Ademais pídenme un contrato indefinido, que eu non teño, ingresos elevados ou un aval bancario e máis dous meses de fianza. Iso eleva moito máis os custos", protesta Ainhoa, abocada a seguir nun piso no que vive desde o 2019 porque "é do máis barato no centro de Pontevedra e aínda así se o pagase eu soa iríaseme máis da metade do soldo", remarca.
E por se a misión de alugar un piso non fose suficientemente complicada, hai que engadir un impedimento máis á ecuación. "Teño un can. Así que é imposible atopar outro piso", asume Pazos.
O medo para ter que asumir todos os custos dun piso en alugueiro en solitario é real. Ornela viviuno nas súas carnes. "A miña compañeira tivo que deixar o piso porque cambiaba de traballo e vinme na situación de quedarme soa no piso pagando alugueiro e facturas. Pagabamos 430 euros. Vinme nesa situación e menos mal que se deu a casualidade de que unha amiga tamén buscaba compañeira de piso e funme a vivir con ela. Pago 15 euros máis de alugueiro, pero o piso está moito mellor", lembra con alivio a dependenta dunha tenda de zapatos.
Relacionadas:
-
Charla informativa no Museo Manuel Torres sobre as decisións correctas para contratar luz e gas
Por Redacción |
-
Sinalan ás 6.882 vivendas baleiras en Pontevedra como solución á falta de inmobles en alugueiro na cidade
Por Redacción |
-
A misión case imposible de alugar un piso se tes mascota
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
A misión imposible de atopar piso para estudantes en setembro en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Pontevedra é a capital galega na que máis subiu o aluguer de vivenda
Por Redacción |