Alerta laranxa por temporal durante a noite de fin de ano
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia alerta dun temporal que vai afectar a todo o litoral galego durante a tarde e a noite desta xornada de fin de ano. Por este motivo, vaise activar a alerta laranxa, con mar combinado do noroeste e as ondas que alcanzarán entre os cinco e os seis metros de altura.
Segundo os datos ofrecidos pola Axencia Estatal de Meteorolxía (AEMET), o temporal iniciarase a primeiras horas da tarde no noroeste e o oeste da costa da Coruña. E a continuación vaise trasladar, durante a tarde, ás costas de Pontevedra e de Lugo. Agárdase que o temporal na provincia de Pontevedra se inicie contra as 20.00 horas.
Durante o primeiro día do ano, a provincia seguirá a sufrir a presenza de fortes ventos con ondas superiores aos cinco metros no mar. As chuvias serán intensas no oeste.
Dende a Xunta de Galicia recórdase á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida chegar a arrastrar as persoas. Ao mesmo tempo, recórdase a recomendación de retirar obxectos de ventás e balcóns que poidan caer á rúa.
Na web do 112 ofrécese toda a información meteorolóxica en relación co temporal que afectará ás costas de Pontevedra durante esta noite.