Alerta máxima por fortes ventos e abundantes chuvias en Noiteboa e Nadal
Por Redacción
Pasadas por auga. Así se presentan o Nadal pontevedrés. Tras un mes de decembro frío e seco, activáronse todas as alertas ante o temporal que atravesará Pontevedra durante os próximos días. Trátase dun fenómeno meteorolóxico adverso que deixará abundantes precipitacións e fortes rachas de vento, especialmente durante os próximos días 24 e 25 de decembro, Noiteboa e Nadal.
A partir das 18.00 horas deste luns prevense ventos que poderán superar os 130 quilómetros por hora en toda a provincia de Pontevedra, alongándose a situación de risco durante o día de Noiteboa. Tamén se espera, desde a medianoite, choivas que alcanzarán os 80 litros por metro cadrado en menos de doce horas.
Para o día de Nadal remitirán as choivas, pero volverá soprar con forza o vento con refachos de ata 80 quilómetros por hora, especialmente nas zonas costeiras. Tanto que, a partir das doce da mañá, activarase a alerta vermella en todo o literal galego, incluída a provincia de Pontevedra. Espéranse ondas que poden superar os oito metros de altura, segundo o boletín meteorolóxico de Meteogalicia.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación a todos os concellos galegos e ás asociacións de voluntarios de Protección Civil e Bombeiros.
Tamén se informou ás diferentes administracións e empresas correspondentes, aos que se lles recomendou a suspensión da celebración de actos públicos e eventos ao aire libre con concentración de persoas -mentres estea activada a alerta-; vixiar e asegurar as sinais, instalacións, obras, cartelería, adornos de Nadal e outros elementos construtivos susceptibles de provocar riscos á poboación; e manter e reforzar os servizos de emerxencias e mantemento de servizos esenciais en apoio á poboación.
Ademais, recordan á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes, co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos; vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras; ou circular con precaución nas estradas, especialmente se utilizan vehículos lixeiros como bicicletas ou ciclomotores. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.
OPERATIVO NA CIDADE DE PONTEVEDRA
Ante estas alertas meteorolóxicas previstos, o Concello de Pontevedra alertou a todos os servizos de seguridade activa da capital, en previsión de que se puidese necesitar unha maior implicación dos mesmos.
Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e a rede de coordenación e decisión atópanse preparados para valorar calquera incidencia e responder ante calquera necesidade que se puidese requerir por parte da cidadanía.
Neste sentido, recoméndase á poboación que estea atenta aos medios de comunicación e realice só os desprazamentos necesarios, e non se expoña a situacións que puidesen conlevar algún risco para sí mesmos e para os demáis. Un comportamento responsable que, sen dúbida, permitirá gozar dunhas festas de Noiteboa e Nadal en harmonía e tranquilidade.
Relacionadas:
-
Alerta laranxa por temporal durante a noite de fin de ano
Por Redacción |
-
Apagamento en 42.693 fogares pontevedreses
Por Natalia Puga |
-
O 'Dirk' deixa 86 incidencias na zona de Pontevedra en oito horas
Por Redacción |
-
O temporal obriga a cortar a ponte da Barca e deixa ventos de 162,7 quilómetros por hora en Cuntis
Por Natalia Puga & Diego Torrado | Creada e actualizada