Pontevedra acollerá 200 festas de Fin de Ano que xerarán preto de 10 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A Federación de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia informou que na provincia de Pontevedra se celebrarán ao redor de 200 festas na noite de Fin de Ano que moven un volume de negocio próximo aos 10 millóns de euros.
O presidente deste colectivo, Samuel Pousada, expresou a súa preocupación pola competencia desleal que sofren coas festas de Fin de Ano organizadas por persoas e entidades alleas a estes profesionais.
Esta Federación celebrou que se siga a tendencia iniciada hai xa uns anos e que neste 2013 o número de festas ilegais siga diminuíndo. Entre outras razóns xustificou este descenso na traxedia do Madrid Arena, que puxo dende entón en alerta aos concellos.
Esixen que se tomen medidas cos organizadores das festas "pirata" en Noitevella
Ao igual que en anos anteriores, Samuel Pousada, advirte ás autoridades locais de que non dubidarán en acudir aos tribunais para denuncialas por "inacción" no caso de que nos próximos días non se tomen medidas cos organizadores das festas "pirata" en Noitevella.
Por exemplo, a Federación de Empresarios de Salas de Festa e Discotecas da Provincia de Pontevedra denunciou o Concello de Mos por autorizar unha festa de fin de ano coa Orquestra Panorama nunha carpa con tarima flotante e calefacción por chan radiante. O evento vaise celebrar no campo de fútbol de Guizán e o recinto ten capacidade para 3.000 persoas.
Os empresarios esixen "máis seriedade" ás administracións en beneficio dos locais que "pagan impostos e xeran emprego de forma constante".
Finalmente dende esta Federación insisten na necesidade de dotar a Galicia dunha Lei de espectáculos porque a normativa actual data do ano 1982 e está obsoleta.