Sorprendido usando un móbil con cámara, bluetooth e un mini auricular para copiar no exame de conducir
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra frustrou a semana pasada o intento dun home de copiar no exame teórico de conducir apoiado por outros dous individuos desde o exterior das instalacións da Xefatura Provincial de Tráfico.
Todo ocorreu na mañá do xoves 23 de febreiro. Axentes do Grupo de Investigación e Análise da Agrupación de Tráfico (GIAT) da Garda Civil de Pontevedra acudiron á Xefatura con motivo das probas teóricas para a obtención do permiso de condución e localizaron a este individuo.
Trátase dun cidadán de orixe paquistaní de 43 anos ao que detectaron un teléfono móbil no interior dun suadoiro. O dispositivo estaba coa cámara aberta, tiña unha tarxeta bluetooth e el levaba un mini auricular na orella.
No exterior foron identificados outros dous individuos que estaban a colaborar con el, ao portar dispositivo bluethoot conectado co anterior.
Os axentes formularon unha denuncia administrativa por infracción grave ao Real Decreto Lexislativo 6/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Tráfico Circulación de Vehículos de motor e Seguridade viaria, así como o comiso do material empregado.
Os investigadores do grupo GIAT realizan con frecuencia controles sobre os cidadáns que realizan probas do exame teórico do permiso de condución, sobre todo daqueles procedentes doutros países, debido a que non é a primeira vez que se emprega este tipo de métodos ou similares, e mesmo as suplantacións de identidade.