Un detido por varios roubos en petos de ánimas e en igrexas da Lama e Cotobade
Por Redacción
Un veciño de Cerdedo-Cotobade, de 49 anos, foi detido pola Garda Civil como presunto autor de cinco delitos de roubos con forza.
Tres dos roubos foron cometidos en petos de ánimas, outro na Igrexa de Antas, na Lama e tamén o tentou sen éxito na Igrexa de Corredoira, en Cerdedo-Cotobade.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, a detención tivo lugar o pasado 31 de xaneiro, sendo posto en liberdade en sede policial tras a instrución de dilixencias, entregadas ao Xulgado de Garda de Pontevedra.
Foron varias semanas de investigación, nas que os axentes mantiveron entrevistas con testemuñas dos feitos, así como vixilancias nas parroquias nas que se violentaron os petos de ánimas e as igrexas; ata que os gardas civís puideron identificar o autor dos feitos, procedendo á súa detención.
Desde a Comandancia de Pontevedra destacaron que "co esclarecemento destes delitos, a Garda Civil aumentou a sensación de seguridade percibida polos veciños das parroquias damnificadas".