Cuntis investirá 105.923 euros na sustitución por led de 238 puntos de luz
Por Redacción
Un investimento de 105.923 euros financiados a través da Deputación de Pontevedra co programa DUS 5000 do IDAE (Instituto por la Diversificación y Ahorro de la Energía) permitirá ao Concello de Cuntis acometer unha renovación integral do sistema de alumeado en varias instalacións municipais para a súa sustitución por leds.
Serán un total de 18 actuacións que garantirán un aforro enerxético estimado do 49% trala sustitución do sistema de iluminación interna do Concello, así como a sustitución dun total de 238 puntos de luz no exterior, entre os que se inclúe o campo de fútbol de A Ran e que contempla tamén a renovación de dez cadros de mando.
Manuel Campos, alcalde de Cuntis, sinala este investimento como "un antes e un despois no alumeado público xa que permitirá un importante aforro enerxético e a redución da pegada de carbono". Manuel Campos recorda que Cuntis xa foi un municipio pioneiro na renovación do seu alumeado na zona rural con tecnoloxía led.
"É un proxecto moi ambicioso e necesitamos eses fondos para poder afrontalo", asegura Manuel Campos.
Á mellora da calidade lumínica en todo o municipio "únese un aforro enerxético que rondará o 50%; sen dúbida é unha medida que demostra o compromiso do goberno local coa sustentabilidade enerxética e coa necesidade de implementar medidas frente ao cambio climático", apunta o alcalde de Cuntis.