Cinco galegos e unha muller peruana, as vítimas mortais do autobús accidentado en Cerdedo
Por Alejandro Espiño
Cinco galegos, tres mulleres e dous homes, e unha sexta persoa, unha muller de nacionalidade peruana residente en Galicia, son as seis vítimas mortais do accidente que sufriu onte á noite un autobús en Cerdedo-Cotobade.
O autocar, con oito persoas no seu interior, saíu da estrada N-541 e caeu ao río Lérez tras esnaquizar o valo de protección da ponte que o atravesaba no lugar de Pedre.
Só dúas persoas, o condutor deste autobús da empresa Monbús que cubría a liña Lugo-Vigo e unha das súas pasaxeiras, unha muller que subira ao vehículo en Monterroso (Lugo), lograron sobrevivir ao impacto. Ela, iso si, esta ingresada na UCI de Montecelo.
Todos os falecidos, que teñen entre 21 e 70 anos, foron localizados, tres deles no propio autobús e os outros tres en diferentes tramos do río Lérez, e os seus corpos foron retirados polos equipos de rescate.
O máis novo, de apenas 21 anos, é veciño de Nigrán, unha promesa do boxeo galego que estudaba en Lugo e regresaba a casa para cear coa súa familia.
Nigrán decretou tres días de loito oficial pola súa morte, tempo no que as bandeiras de todos os edificios oficiais ondearán a medio mastro.
Outros dous dos falecidos, nai e fillo, residían no municipio pontevedrés de Lalín e eran naturais do concello de Agolada. Ela, xa xubilada, fora empregada durante anos dunha coñecida pastelería do municipio.
O cuarto falecido galego é unha profesora de instituto. De 44 anos, natural de Lugo e residente en Lalín, era nai de dous fillos de 8 e 5 anos. Traballaba como mestra de lingua e literatura no IES 1 do Carballiño (Ourense), onde comezara a dar clase este curso.
A corporación municipal de Lalín, por unanimidade de todos os grupos políticos, decidiu decretar desde esta noite dous días de loito oficial e poñer as bandeiras a medio mastro polo falecemento de tres dos seus veciños neste accidente.
De Agolada era ademais a quinta das falecidas, unha muller de 58 anos, gandeira de profesión e exesposa dun concelleiro do PP nesta localidade.
Nestes catro casos subiron ao autobús para viaxar ata Pontevedra, onde todos eles tiñan familiares cos que ían pasar a Noiteboa.
A sexta e última vítima mortal é unha muller de nacionalidade peruana residente en Soutomaior, que colleu o autobús na parada anterior ao lugar do accidente, próximo á casa de Cerdedo-Cotobade na que traballaba coidando dunha persoa maior.
Todas as familias dos falecidos foron localizadas e recibiron apoio psicolóxico por parte de profesionais especializados en catástrofes, un servizo que ofreceu de maneira altruísta o Colexio Oficial de Psiquiatría de Galicia.
Relacionadas:
-
Unha muller resulta ferida nun accidente na N-541 en Tenorio
Por Redacción |
-
O Ministerio de Transportes acorda obras de máis dun millón de euros na N-541 onde caeu o autobús ao Lérez
Por Redacción |
-
Gómez Besteiro confirma a reforma da N-541 onde faleceron seis persoas no accidente de autobús
Por Redacción |
-
Cerdedo, un pobo unido por unha traxedia "inxusta e totalmente inesperada"
Por Alejandro Espiño |
-
A investigación do accidente de Cerdedo, con todas as hipóteses abertas e o mal tempo como "un dos seus factores"
Por Alejandro Espiño |
-
O condutor do autobús accidentado en Cerdedo recibe a alta hospitalaria
Por Alejandro Espiño |
-
Unha amiga da muller que sobreviviu ao accidente é a sétima vítima mortal do autobús de Cerdedo
Por Alejandro Espiño |
-
Retoman o operativo de rescate en Pedre tras confirmarse que no autobús había unha novena pasaxeira
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Tres días de loito oficial en Cerdedo-Cotobade en memoria das vítimas do autobús
Por Alejandro Espiño |
-
Seis mortos e dous superviventes, o tráxico balance do autobús que caeu ao Lérez na Noiteboa
Por Alejandro Espiño |
-
Localizan nunha zona "de moi difícil acceso" unha quinta vítima mortal do autobús de Cerdedo
Por Alejandro Espiño |
-
Un cuarto viaxeiro falecido, recuperado do río a uns 500 metros do autobús
Por Alejandro Espiño |
-
As "moi malas" condicións meteorolóxicas "seguramente" influíron no sinistro de Cerdedo
Por Alejandro Espiño |
-
As autoridades elevan a nove o número de persoas que ían no autobús que caeu ao Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Atopan o corpo sen vida dunha tercera pasaxeira do autobús accidentado en Cerdedo
Por Alejandro Espiño |
-
Jorge Cubela, tras o accidente do autobús: "É a desgraza máis grande que podíamos sufrir"
Por Alejandro Espiño |
-
O autobús sinistrado en Cerdedo caeu 40 metros ata acabar somerxido no Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Noiteboa negra en Cerdedo: dous mortos e tres desaparecidos tras caer un autobús ao Lérez
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada