O Pleno da Deputación aproba o convenio para a cesión ao Museo do Convento de Santa Clara
Por Oskar Viéitez
No último Pleno do ano, a Deputación de Pontevedra aprobou este mércores, de maneira unánime, o convenio de colaboración co Concello da capital para a cesión do Convento de Santa Clara co obxectivo de que a administración provincial o rehabilite e converta no sétimo edificio do Museo compatibilizando os fins museísticos coa apertura ao público dunha parte do bosque e da horta.
Tamén houbo un respaldo unánime a outro convenio de colaboración co Concello de Pontevedra, neste caso é para levar a cabo as obras de renovación da iluminación pública na zona sur do centro urbano da cidade.
Do mesmo xeito, a Corporación provincial aprobou de maneira unánime a cesión gratuíta ao Concello de Poio da inmoble "Casa de Combarro" para instalar un centro de promoción turística e do patrimonio histórico cultural municipal.
O acordo para traspasar a titularidade da tamén coñecida como Casa Barroca do Ateneo Corredoira supón ademais mellorar e rehabilitar o edificio.
O debate político centrouse na moción presentada polo grupo provincial do Partido Popular para aprobar unha liña de axudas para vestiario e instrumentos das asociacións e agrupacións culturais.
O portavoz do PP, Jorge Cubela sinalou que son materiais "imprescindibles para poder levar a cabo esta actividade" e que teñen un prezo elevado, "que en moitas ocasións poden supoñer unha barreira para acceder a este tipo de actividades". A Deputación de Pontevedra mantén as axudas que esta institución leva moitos anos repartindo entre as escolas de música municipais, pero non conta con ningún tipo de axuda para outras agrupacións musicais.
O vicepresidente provincial e portavoz do BNG, César Mosquera, lembrou aos populares que "acabamos de aprobar uns orzamentos e vostedes non dixeron nada disto" e volveu repetirlles o argumento de que "esta Deputación ten unha fábrica de facer diñeiro" e o "esforzo" que se está facendo cos concellos.
Igualmente, o deputado socialista Carlos López Font replicó que "el Partido Popular en la desesperación por tratar de minar al gobierno de esta Diputación intenta reabrir el debate por su modelo reglado y transparente" tachando de "ocurrencia" esta moción e defendendo o Plan Concellos fronte á xestión do PP cando gobernaba nesta institución cando había "un rosario de pequeñas subvenciones del Partido Popular para alimentar a su red clientelar".
Finalmente, Partido Socialista e BNG xustificaron o seu voto en contra lembrando que o Plan Concellos dispón dunha liña apropiada para que os gobernos locais poidan apoiar aos colectivos culturais con axudas como a proposta hoxe polo PP.
Relacionadas:
-
Poio solicita a Facenda que aclare a titularidade da Casa do Ateneo
Por Redacción |
-
Lores sobre as críticas do PP á cesión de Santa Clara: "Domínguez non forma parte da dereita ilustrada de Pontevedra"
Por Anxo Lourido |
-
VÍDEO.- 30 segundos para repasar a actividade do Museo de Pontevedra en 2022
Por Redacción |
-
Santa Clara celebra un ano de apertura ao público integrándose no Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz & Mónica Patxot |
-
Xa están dispoñibles na internet as charlas sobre as escavacións e a historia do convento de Santa Clara
Por Oskar Viéitez |
-
O 3 de xaneiro o Concello entregará o convento de Santa Clara á Deputación
Por Oskar Viéitez |
-
Estiman que a rehabilitación de Santa Clara irá a 22 millóns: "En Galicia non houbo un proxecto tan ambicioso como este"
Por Oskar Viéitez |
-
A Casa Barroca de Combarro, camiño de converterse en espazo de referencia para o patrimonio de Poio
Por Redacción | Creada e actualizada