Medio cento de caravanas 'invaden' A Calzada nunha xornada de convivencia
Por Redacción
Máis de medio cento de caravanas xuntáronse este sábado no estacionamento da praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, nunha xornada de convivencia organizada pola Asociación Galega de Autocaravanas (AGA). Nela, participaron máis de cen persoas.
Na xornada de hoxe tiveron unha recepción oficial por parte do alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e pola tarde tiveron a oportunidade de coñecer o Centro Ecuestre Atlántico, ubicado en Buchabade, onde asistiron a unha exhibición de salto.
Un concerto de Four Passengers na Alameda de Ponte Caldelas puxo fin a este día, que terá continuidade este domingo cunha ruta polo Sendeiro Azul do Río Verdugo.
O alcalde de Ponte Caldelas deu a benvida a todos os participantes e animounos a volver a desfrutar do aparcamento gratuíto para autocaravanas "a carón da única praia fluvial de España que dispón do galardón de bandeira azul”.
"Durmir e desfrutar dun espazo máxico e, ao tempo, contar con todos os servizos do casco urbán a menos de cinco minutos andando é un luxo que se fai realidade en Ponte Caldelas", destacou Díaz, convencido de que os turistas quererán repetir a súa visita.