Unha compradora de droga, ante o xuíz: "Nunca más voy a hacer eso"
Por Natalia Puga
A Audiencia de Pontevedra retomou este martes o xuízo contra dous pontevedreses acusados de trapichear con cocaína, haxíx e marihuana na tarde do 31 de decembro de 2012 supostamente para distribuír esa droga a terceiras persoas durante a noite de Fin de Ano. Faltaba un único testemuño para deixar o xuízo visto para sentenza, o dunha presunta clienta. A moza protagonizou a anécdota da xornada ao despedirse do tribunal asegurando de forma espontánea: "muchas gracias, nunca más voy a hacer eso".
A moza declarou por videoconferencia e explicou que vivía en Madrid e chegara a Pontevera para pasar o Nadal. Coñecía ao procesado Jorge P.C. "desde hacía muchos años" e aquel día envioulle unha mensaxe por whatsapp para pedirlle que comprase droga para ela, pero non como o seu camello, senón como un coñecido ao que "le dije que si iba a comprar para él, que comprase también para mí".
Segundo o seu testemuño, nunca antes realizara ese encargo a Jorge P.C., pero acudiu a el porque "sabía que él consumía" e quería comprar cocaína para consumir co seu noivo aquela noite. Nin sequera chegaron a falar de canto lle pagaría por esa droga.
Na primeira sesión do xuízo celebrada o 14 de novembro, Jorge P.C. admitiu que acudiu a xunto o outro procesado, José Manuel S.P., para adquirir droga, pero sinalou que era para consumo propio e de dous amigos, non para vender en festas de Noitevella como sostén o atestado policial. Unha das amigas é a moza que declarou este martes e o outro declarou que lle pediu si podía comprarlle marihuana porque el tiña que traballar. O outro acusado recoñeceu que lle vendeu a droga, pero alegou que "era la primera vez".
A fiscal reduce a petición de condena porque a droga coa que se traficou foi "de menor entidade"
Tras escoitar os testemuños dos dous procesados e testemuñas, a fiscal do caso decidiu modificar a acusación que formulaba contra eles. Pedía para José Manuel S.P. (con antecedentes por delitos similares) cinco de prisión e para Jorge P.C. catro anos, ambos por delitos contra a saúde pública por tráfico de drogas.
Este martes matizó que considera probado que no momento dos feitos ambos acusados "realizaban consumo perjudicial de drogas", pasou a cualificar o delito de tráfico de drogas como "de menor entidad" e reduciu sustancialmete a petición de condenas. José Manuel S.P. pasa de enfrontarse a cinco anos de prisión a dous anos e tres meses e unha multa de 90 euros. Jorge P.C. pasa de enfrontarse a catro anos a facelo a dous anos e seis meses e o pago dunha multa de 340 euros.
Vista a modificación da acusación do fiscal, a avogada defensora de José Manuel S.P. transmitiu ao tribunal que a subscribe. A letrada do outro procesado, con todo, segue sostendo a súa inocencia.