As pequenas adegas de Rías Baixas tamén queren apostar pola internacionalización
Por Redacción
A proxección exterior da Denominación de Orixe Rías Baixas é un dos puntos de traballo estratéxico do Consello Regulador. Este venres transmitiulle as súas experiencias e fórmulas para unirse a esta estratexia de internacionalización a máis de 25 adegas que polo seu tamaño non exportan ou fano con pequenos volumes a países moi concretos.
A xornada de traballo contou coa presenza do presidente e o secretario do Consello, Juan Gil e Ramón Huidobro. O primeiro animou ás empresas asistentes a vender en mercados exteriores: "non teñades medo á exportación. Non é tan difícil vender fóra, é como saír a outros mercados como Cataluña ou Baleares. Cando empecedes veredes que non é tan difícil como poida parecer".
Huidobro recordoulles as axudas existentes desde diferentes administracións para o apoio ás exportacións e insistiu en que "a intención desta reunión é apoiarvos nesta actividade, pero vender é cousa das adegas, e traballar os mercados exteriores require un esforzo e investimento".
As adegas coincidiron que pola súa situación están máis limitadas económicamente que as grandes, pero manifestaron o seu interese por esta internacionalización, nos que algunhas xa están presentes. Pediron ao Consello a organización de cursos de formación centrados na iniciación a esta materia, trámites e documentos habituais, atención a visitas, mercados concretos de interese e inglés.
Relacionadas:
-
Estados Unidos, destino dunha de cada dúas botellas de albariño vendida no estranxeiro
Por Alejandro Espiño |
-
Rías Baixas centrará a súa actividade internacional en Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña
Por Redacción |
-
Rías Baixas "coloniza" sete novos países, entre eles, Vietnam, Tailandia ou Kazaxistán
Por Alejandro Espiño |