Avanzan a programación do Día das Linguas de Signos reclamando mudar "inclusión" por "equidade"
Por Diana Eiras & María José Pita
O vindeiro 14 de xuño celébrase o Día Nacional das Linguas de Signos e desde Xoga, a Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, avanzaban a programación de actividades ao redor desta data, así como as reivindicacións que desde o colectivo van formular.
María Jesús Monterde, a presidenta de Xoga, foi a encargada de expoñer a situación das persoas con diversidade sensorial na provincia de Pontevedra, onde a organización conta con 178 persoas asociadas. A sede central atópase na cidade de Pontevedra, no edificio municipal da Casa Azul da rúa Sor Lucía e cunha segunda oficina no edificio da Xunta da rúa Benito Corbal. En toda Galicia, Xoga calcula que están a dar apoio a máis de 2.000 familias con membros con diversidade sensorial.
Na rolda de prensa celebrada no Concello de Pontevedra estiveron presentes, en representación dos dous organismos que máis apoian ao colectivo, segundo destacaba a presidenta de Xoga, o concelleiro de Benestar Social Marcos Rey, cuxo departamento impulsa o Programa Comunico, e a deputada provincial de Cohesión Social Olga García Ballesteros, que representa á Deputación de Pontevedra, que impulsou un servizo de signos propio.
Por parte de Xoga, ademais da presidenta, compartiron mesa a vocal Pilar Iglesias, en representación das persoas con xordeira, e Rubén Redondo, socio que visibiliza aos compañeiros con hipoacusia.
O lema do vindeiro Día Nacional das Linguas de Signos será 'En rede, a equidade depende de todos', en alusión á necesaria transformación que o termo "inclusión" está a ter para tender cara ao obxectivo da "equidade", a reivindicación central desta data. "Equidade", explicaba María Jesús Monterde, abrangue cuestións clave como a empatía, a resiliencia ou o recoñecemento dos dereitos naturais das persoas con diversidade sensorial.
Nesta data tamén o colectivo de persoas con xordeira, pérdida auditiva ou xordocegueira reivindicará que a lingua de signos sexa unha materia máis dos plans de estudos; avogar pola implantación da lingua de signos galega, xa que neste momento só están recoñecidas por lei en España a lingua de signos española e a catalá; recoñecemento da lingua de signos apoiada, isto é, a das persoas con xordocegueira; e denunciar a gran carencia de profesionais neste ámbito, xa que ao transformarse a formación en lingua de signos en grao só se imparte nunha única universidade en todo o territorio nacional, situada en Madrid.
DÍA NACIONAL DAS LINGUAS DE SIGNOS
O 14 de xuño celébrase o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. O 14 de xuño de 1936 constituíuse a Confederación Estatal de Persoas Xordas e para conmemorar o acontecemento ese día foi o elixido en 2014 para lembrar a importancia das linguas de signos.
A asociación Xoga programa para esta data varias actividades, entre as que se inclúe a quinta edición do Concurso ‘Xoga coas Manciñas’, que este ano, ademais de destinarse a alumnado de Infantil e Primaria, tamén se amplía ao de Secundaria e será de carácter autonómico por primeira vez.
O propio 14 de xuño colocarase unha pancarta reivindicativa no balcón da Casa Consistorial e a iluminación do propio Consistorio e do Pazo Provincial será de cor turquesa entre a noite do venres 10 e a mañá do mércores 15 de xuño.
Como novidade, inaugurarase un espazo na web denominado 'Xoga Tik Tok', no que se colgarán vídeos con pezas curtas tanto en lingua de signos galega como española con cancións, signos curiosos ou mesmo chistes. Esta última iniciativa desenvolverase entre o venres 10 e o martes 14 de xuño.
Ademais, sortearase a través das redes sociais de Xoga unha praza gratuíta nun curso de 60 horas de Lingua de Signos de nivel A1 para maiores de 16 anos que vivan en Galicia.
Relacionadas:
-
O 'Informe Cero' presentado pola Deputación alerta da 'mala saúde' da Lingua de Signos Galega
Por Redacción |
-
Expertos conclúen que a Lingua de Signos Galega é unha realidade, que existe, e non hai que creala
Por Oskar Viéitez |
-
As visitas turísticas a Pontevedra, a través da lingua de signos
Por Alejandro Espiño & Diana Eiras |
-
A Casa Azul acollerá uns 'coffee breaks' para persoas con discapacidade auditiva e xordocegas
Por Redacción |
-
A Federación Española de Sordocegueira apoia a proposta de XOGA de oficializar a Lingua de Signos Galega
Por Redacción |
-
A Deputación colabora con XOGA para o servizo de intérpretes de lingua de signos na provincia
Por Redacción |
-
Primeiro paso desde a Deputación para acadar o recoñecemento oficial da lingua de signos galega
Por Anxo Lourido |
-
Pontevedra conmemora o Día da Lingua de Signos
Por Mónica Patxot & Redacción |