Os 150 anos do rexemento Isabel la Católica levan á Brilat ao centro da cidade
Por Redacción
A Alameda de Pontevedra acollerá este vindeiro sábado 23 de abril un acto pouco habitual, unha parada militar organizada pola brigada Galicia VII, Brilat.
A brigada tan só organiza paradas militares na Alameda de forma excepcional e nesta ocasión elixiu este escenario para poder comemorar o 150 aniversario da creación do Rexemento de Infantería "Isabel la Católica" número 29.
Os actos comezarán ás doce do mediodía e estarán presididos polo xeneral xefe da Brigada, Luis Cortes Delgado.
Este pasado mércores, tres días antes do acto, un grupo de militares da base General Morillo da Brilat en Figueirido desprazouse ata a Alameda para inspeccionar a zona e preparar a parada.