Tres anos lastrados por unha estada: "Os clientes pasan de longo, esquivan a rúa"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A María perséguea unha estada desde fai tres anos. Levaba anos rexentando a cafetería A Audiencia na avenida Augusto García Sánchez cando empezaron a obra de reforma da fachada do edificio e as estadas deixárona sen terraza e, aos poucos, sen clientes. Ante a imposibilidade de dar un servizo correcto, mudouse a un local próximo, na rúa Rosalía de Castro, que quedaba baleiro e, pouco despois de mudarse, as obras do edificio encararon esa zona e unha nova estada tapou a entrada ao local.
A súa é só una das múltiples historias de negocios que as estadas da mesma obra lastraron no últimos tres anos. É, quizais, a máis rechamante, pero hainas máis desafortunadas. A da panadería Tía Adega viuse en suspenso. Non hai nin historia porque a semana pasada decidiu pechar o local ata que retiren a estada.
As obras comezaron antes da irrupción da pandemia da covid-19, prolongáronse de forma imprevista pola situación derivada da mesma, logo volveron alongarse polo peche da empresa e agora pola escaseza de materiais. En total, máis de tres anos nos que todos os negocios da rúa tivo que sumar os efectos negativos da emerxencia sanitaria aos derivados dunha estada que impide ver os seus escaparates e aparta aos clientes dos seus locais.
Os afectados tentaron buscar solucións, pero teñen as mans atadas porque a maioría non son propietarios, senón inquilinos e porque a obra está en regra e cumpre todas as normas. Fontes oficiais do Concello de Pontevedra confirmaron a PontevedraViva que a licenza se pediu en 2018 e logo dúas prórrogas, todas por razóns de forza maior e autorizadas.
A última prórroga aínda ten vixencia ata novembro deste ano 2022, aínda que se prevé que os traballos terminen antes, pois pediron permiso para instalar un guindastre e retirar materiais da zona interior do edificio e tamén recuperar a fianza que pagaron pola ocupación da rúa. De momento, negóuselle porque segue ocupando a rúa, pero que realizasen este trámite apunta a que a obra rematará en breve.
Mentres tanto, a panadería e cafetería Tía Adega permanecerá pechada. Un cartel situado no enreixado así o indica:: "Les informamos que permaneceremos cerrados hasta que retiren el andamio. Disculpen las molestias". En total, tan só estivo aberta catro meses, un tempo no que non tiveron nin tempo para lograr clientela fiel que acudise ao seu local para pesar da estada que tapa a porta.
Outros negocios, como Audiencia 2 que María abriu en Rosalía de Castro cando non puido manter a actividade de La Audiencia, lograron ir capeando o temporal grazas á clientela fiel. Aínda así, baixoulle o volume de negocio un 60% e móstrase moi crítica coa situación.
Desde hai un mes, a estada xa non tapa a súa fachada, empeza xusto no extremo, pero asegura que lle afecta igualmente porque o resto da rúa está ocupada pola estada polo material de obra que lastra "a visión de toda a rúa". Ademais, "a xente deixa de pasar, esquivan a estada", de modo que teñen menos clientela potencial.
Entre outras cuestións, os afectados critican que a obra chegou a estar un ano parada, pásanse semanas sen traballar e, cando o fan, tan só hai dous traballadores. Desta forma, segundo denuncian, "todo se prolonga moito" e os seus negocios sitúanse ao bordo da quebra. O resultado final é que "os clientes pasan de longo, esquivan a rúa".
No taller de costura Bendrell, Silvia xa non sabe canto resistirá. Non se pode ler nin o cartel co nome do seu negocio e ultimamente xa nin a clientela máis fiel acode. Unha clienta chamouna e preguntoulle se pechara porque pasou por diante e non viu o seu local. Tan só vai sobrevivindo porque tira de enxeño, pero confesa que "ás veces, danme ganas de tirar a toalla porque non xunto nin para o alugueiro".
"Por aqui case non pasa xente, pasa pola zona de en fronte", lamenta. Este mércores ao mediodía tan só fixera de caixa cinco euros dunha única clienta que entrou no local, deixándoa nunha situación "horrible". E é que "pola pandemia, baixaron as vendas, pero, con esta estada, peor".
Na tenda de roupa ess Two viven unha situación similar. Carmina está agradecida á clientela fiel que lograron nos seus dez anos de actividade, pero lamenta que, da pesar dese apoio, a situación é xa insostible tras máis de tres anos de obras. "Tapan o paso da xente, van pola outra beirarrúa, isto afecta os negocios que está tapados pola estada e tamén aos que xa llo quitaron da fachada", critica. O seu escaparate nin se ve e así non hai forma de vender.