Case 19.000 pontevedreses recibirán de Cruz Vermella alimentos de primeira necesidade
Por Redacción
Cruz Vermella comezou co reparto de alimentos a persoas desfavorecidas dentro do seu Plan de Alimentos 2013. Na provincia de Pontevedra esta iniciativa, realizada en colaboración co Banco de Alimentos, permitirá beneficiar a 18.573 persoas, a través de 95 entidades sociais. Trátase de 1.434 pontevedreses máis dos que recibiron alimentos na campaña do ano pasado.
Durante este ano e debido á actual crise, organizouse a entrega de alimentos tamén para as persoas que se atenden directamente nos programas de Cruz Vermella a través das súas asembleas na Estrada, Baixo Miño, Salnés, Vigo, Ponteareas e Pontevedra. En concreto, desde a sede de Cruz Vermella en Pontevedra entregáronse paquetes de alimentos a 32 familias das que atenden habitualmente.
Entre os alimentos que se van a distribuír nesta fase figuran produtos lácteos como leite e queixos ,derivados de cereales como distintos tipos de pasta alimenticia, ademais de arroz, e legumes como lentexas e garavanzos e alimentos destinados á poboación infantil como papillas de cereales. En total, 103.822 quilos de alimentos que se poñerán gratuitamente a disposición das persoas.
A distribución de alimentos é unha das accións máis importantes do Chamamento de Axuda lanzado por Cruz Vermella Española ('Agora + que nunca') co fin de incrementar o seu apoio ás persoas afectadas pola crise no noso país e atender a 300.000 persoas máis en situación de extrema vulnerabilidade, ademais dos dous millóns de persoas ás que asiste anualmente.
Os colectivos aos que se dirixe o chamamento son os máis 'fraxilizados' como familias con todos os seus membros en paro, nenos que viven en fogares pobres, persoas maiores con responsabilidades familiares sobrevenidas pola precarización familiar, persoas paradas de longa duración, persoas sen fogar e mozos en paro.
Relacionadas:
-
Cruz Vermella Pontevedra ofrece axuda contra o fracaso escolar
Por Redacción |
-
Volve con éxito o 'Día de la Banderita' ás rúas pontevedresas en apoio á Cruz Vermella
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Cruz Vermella recolle material escolar para facer a volta ao cole máis doada a familias con dificultades
Por Redacción |