Un novo cálculo de Acuaes aforrará a Pontevedra 210.000 euros nas obras de subministro de auga
Por Redacción
Pontevedra gastará 210.000 euros menos dos previstos inicialmente nas obras de abastecemento de auga que executa a empresa Acuaes. Un cálculo erróneo imputaba ao concello unhas obras que debía asumir o Concello de Marín. O goberno municipal alertou deste erro e, mediante unha corrección enviada pola sociedade estatal, recalcularonse as cantidades que deben abonar Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Vilaboa.
No caso de Pontevedra, en lugar dos 2,12 millóns de euros que debía aportar, finalmente serán 1,94 millóns os que investirá neste proxecto. Serán pagos a tres anos. Corresponden a 2013 uns 425.000 euros, 957.000 euros consignaranse nos orzamentos para 2014, e os últimos 532.000 euros pagaranse no ano 2015.
Na adenda ao convenio con Acuaes, que será aprobada o vindeiro luns no Pleno municipal, formalízase ademais a forma de pagamento desas cantidades. Aínda que se recolle a posibilidade de financialas a través dun préstamo, Pontevedra asumirá o pago directo do diñeiro que lle corresponde. Acudir a un crédito supoñería o pago, segundo Raimundo González, duns intereses "moi elevados", en torno ao 5%.