Preto de 70 modelos vestirán as coleccións dos 19 deseñadores de Debut 2013
Por Alejandro Espiño
"Profundamente emocionantes e de moi alta calidade". Así son, segundo a directora dos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), Lola Dopico, as propostas dos 19 alumnos que participarán na sétima edición da pasarela Debut 2013. Será o xoves 21 de novembro ás 20.00 horas no Recinto Feiral. Un evento xa consolidado como un punto de achegamento entre a Universidade e a sociedade, amosando a capacidade creativa e innovadora dos estudantes que rematan os seus estudos nesta escola.
Preto de 70 modelos vestirán as coleccións dos 19 novos deseñadores, 14 mulleres e cinco homes. Todos eles formarán parte "dun evento académico con forma de desfile, a cita máis importante do ano para nós, unha festa para celebrar a calidade da formación que acadan os nosos estudantes", destacou Lola Dopico na súa presentación. "Que a cidade ano tras ano agarde por este evento é unha sorpresa e unha recompensa ao noso traballo".
Catro profesionais do eido da moda compoñen o xurado que deberá elixir a mellor colección sobre a pasarela. Segundo explicou Lola Dopico, "sempre procuramos que teñan unha compoñente internacional", que este ano vén dada por Takanao Muramatsu, presidente de HPFrance, "un dos grupos máis interesantes do mundo pola súa combinación de moda e arte e a súa concepción vinculada ás galerías, algo que leva ás súas tendas de Nova York ou Tokio".
Acompañará a Maramatsu no xurado, Enrique Loewe, presidente de honra da Fundación Loewe. A directora de Esdemga cualifica a súa colaboración como un privilexio, "porque nos achegará a súa visión como decano da arte e o seu gusto e coñecemento do debuxo". O terceiro membro será Marc Calabia, director de produto de Desigual, con experiencia tamén na marca Levi Strauss e en L'oréal. Completa o xurado Jeanette Nkwate, de WGSN, compañía líder en investigación por internet, análise de tendencias e noticias da industria da moda e o estilo.
OUTRAS ACTIVIDADES
As actividades arredor de Debut 2013 comezarán xa o luns 18. Será co obradoiro de maquillaxe para estilismo de moda, que impartirán Guy Pranzili e Silvia Fervenza; o obradoiro de xastrería, que será impartido por JJ Boullosa, emblemático xastre pontevedrés; e o obradoiro de tecido artesanal en tear, que se impartirá tamén martes e mércores e correrá a cargo de Anna Champeney. Xa o martes, impartirase un obradoiro de retoque dixital para fotografía de moda, da man de Mariana Maglio.
Outra das tradicionais actividades paralelas a este desfile son as xornadas técnicas profesionais, que ofrecen aos estudantes de moda a posibilidade de realizar as súas primeiras entrevistas de traballo. Para iso, na mañá do venres 22 haberá na Casa das Campás, un encontro con responsables de recursos humanos de sete empresas confirmadas ata o momento. Posteriormente, poderán tamén asistir a un relatorio de Enrique Loewe que afondará, a partir das 12.30 horas, no papel da artesanía na nova sociedade.
A programación complétase con dúas exposicións que se poderán visitar no Pazo da Cultura o propio día do desfile. Por unha banda, no Proxecto Desigual recóllense os traballos que os estudantes realizaron a partir desta marca; e na outra exposición agrúpanse as propostas dos alumnos baseadas no punto, un campo que Dopico destacou por tratarse "dun territorio especialmente complexo, xa que non se parte de teas, senón de fíos".