Escolares de Cuntis convértense en "arqueólogos por unha hora"
Por Redacción
Que os escolares coñezan en profundidade o traballo dun arqueólogo. Ese é o obxectivo do programa Arqueocampo que, tras dous anos suspendido pola pandemia, retomou a súa actividade co alumnado de Primaria do colexio de Cuntis.
Esta iniciativa, desenvolvida a través dun acordo de colaboración entre o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e o Concello de Cuntis, converteu aos nenos e nenas do municipio en pequenos arqueólogos durante a hora e media que durou esta actividade.
O salón de actos da biblioteca municipal acolleu a réplica da base dunha cabana castrexa, dotada con detalles como a lareira.
Esta primeira simulación sirve para introducir aos escolares nun xeito de vida e de organización social que deixou en Cuntis vestixios patrimoniais de gran importancia.
En grupos de quince, o alumnado chegou ás instalacións para escoitar unha explicación teórica sobre que buscar nunha escavación e como traballar despois cos achados.
O obxectivo é que os rapaces e rapazas vivan en primeira persoa a cadea de traballo dun arqueólogo desde a escavación ata o procesado e análise do material, dun xeito práctico e dinámico. Farano progresivamente ao longo de toda esta semana.
A base do xacemento imita o propio deste tipo de construcións castrexas e nel dispóñense as diferentes estruturas da vivenda: restos do muro, do derrubo e da entrada, burato de poste, banco ou lareira. Tamén hai restos de material cerámico, fragmentos de muíños circulares, morteiros, restos de carbón, cinzas ou un cuncheiro.
Xunto ao xacemento o alumnado ten unha "escombreira" para retirar a area. Dispoñen de utensilios como unha exposición das ferramentas arqueolóxicas máis curiosas.
Tras coñecer os criterios básicos para iniciar unha escavación, os rapaces participaron nun improvisado laboratorio para aprender como proceder con cada mostra recollida.
Así, analizaron terra, carbón e ata polen da Idade do Ferro e sorprendéronse polo feito de que a realización da proba do carbono 14 a un anaco de carbón queimado permita datar un castro.
O Concello de Cuntis busca, a través deste tipo de programas, que os escolares perciban os xacementos arqueolóxicos cuntienses "como un activo e un valor a preservar", segundo destacou o alcalde, Manuel Campos.
Relacionadas:
-
Editan un "Manual de boas prácticas en Arqueoloxía" para axudar á xestión sostible do patrimonio
Por Redacción |
-
Preto dun cento de visitantes preguntaron esta semana polas propostas turísticas de Cuntis
Por Redacción |
-
Máis de 50.000 euros de investimento municipal para manter en bo estado o xacemento de Castrolandín
Por Redacción |
-
Castrolandín puido ser ata tres veces máis extenso do que se pensaba
Por Oskar Viéitez |