A Plataforma 2018 fai un chamamento a manifestarse contra a consolidación do complexo industrial de Lourizán
Por Oskar Viéitez
A Plataforma-2018 convoca unha manifestación "contra a consolidación" do complexo industrial de Lourizán. Son un total de 32 colectivos sociais os que se reunen arredor desta iniciativa impulsada pola Asociación pola Defensa da Ría.
Segundo detallou nunha rolda de prensa na Galería Sargadelos a voceira, Antía Maríño, faise un chamamento á participación cidadá contra a decisión "caciquil" da Consellería de Medio Ambiente de ampliar tres anos máis a Autorización Ambiental Integrada á cloreira Elnosa co compromiso da empresa de abandonar Lourizán en 2017.
Este mércores en rolda de prensa informaron desta convocatoria e denunciaron a conivencia de intereses entre a Xunta e Ence.
"Todo fai pensar que esta prórroga á fábrica de cloro non é máis que o primeiro paso para decretar a súa consolidación definitiva en Lourizán", dixo esta voceira, "de non impedilo, o PP aplicará no seu día a nova Lei de Costas e concederá a Elnosa e a Ence unha prórroga de ata 75 anos que impediría definitivamente o saneamento e recuperación da nosa ría para a explotación da pesca de baixura e o marisqueo".
Será o próximo sábado, día 23, ás 19:30 horas, con saída dende a Praza da Ferrería
Deste modo, aseguran dende esta Plataforma, "o dano á calidade de vida e á economía da comarca, e a perda de postos de traballo na ría será irreversible".
Neste sentido a Plataforma 2018 concova ao conxunto da cidadanía a mostrar a súa oposición a calquera medida que leve á consolidación de Ence-Elnosa. Será o próximo sábado, día 23, ás 19:30 horas, con saída dende a Praza da Ferrería.
Ademais este sábado 16 de novembro ás doce da mañá na Praza da Peregrina protagonizarán un acto simbólico de protesta polo "monocultivo de eucalipto imposto por Ence e ás súas consecuencias negativas no medio e o emprego".
Relacionadas:
-
A Plataforma 2018, apoiada por un milleiro de cidadáns, rexeita na rúa unha prórroga a Ence e Elnosa en Lourizán
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
A Plataforma 2018 quenta motores para a marcha do sábado contra a permanencia de Ence e Elnosa na ría
Por Anxo Lourido |
-
O PP pide a Lores que lidere a saída de ENCE e Elnosa da Ría e o seu traslado a outro punto da comarca
Por Redacción |