Xeneral Alonso: "Chegou a haber certa incerteza na actual ubicación da Brilat en Pontevedra"
Por Natalia Puga
Desde este mércores 13 de novembro o xeneral José Antonio Alonso Miranda deixa o seu cargo como máximo responsable da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat). Xusto antes de pasar á reserva, fai balance de catro anos dos que a nivel profesional destaca que puido "coñecer de verdade a Brilat e comprobar que é unha magnifica unidade, moi superior ao que transcende" e no persoal haber ter a oportunidade "vir destinado a Pontevedra, a Galicia, por primeira vez na miña vida militar".
Natural de Verín (Ourense), a súa carreira militar levouno aos 22 anos fóra da súa terra. Dirixir a Brilat desde 2009 permitiulle "reencontrarme coa miña xente, cos meus paisanos, coa miña terra, en fin, co galego en xeral; é dicir, con todo aquilo que tanto botei de menos, con esa morriña que os galegos sentimos cando estamos fóra de Galicia e que no meu caso durou algo mais de 45 anos".
Está a piques de deixar o mando da Brilat, deixa unha brigada moi diferente á que se atopou hai catro anos?
Non me corresponde a min destacar as bondades ou os éxitos da miña xestión. En todo caso, a miña percepción é que avanzamos nos niveis de preparación e operatividade das unidades da Brilat e mellorado sustancialmente a calidade de vida nas distintas bases e acuartelamentos da Brigada. Pero, en calquera caso, son os meus subordinados quen teñen que valoralos.
Chegou a Figueirido no momento de máxima tensión cos comuneiros de Salcedo, Postemirón e Vilaboa pola titularidade dos terreos nos que se sitúa a base e vaise nun momento no que parece que as augas volveron á súa canle. Como viviu a evolución deste conflito veciñal?
Desde a miña incorporación á Brilat, sempre que fun interrogado sobre este asunto, quixen resaltar dous aspectos claramente diferenciados. Un, a reivindicación das comunidades de montes sobre os terreos nos que está asentada a Brilat e o seu campo de manobras, aspecto primeiramente de carácter xudicial e, posteriormente, de negociación co Ministerio de Defensa e nos que a Brilat non ten que nada ver nin que dicir e, outro, moi distinto, as relacións de convivencia cos veciños da contorna mais próxima á base.
Determinados comuneiros aplaudiron o cambio de actitude do xeneral Alonso á súa chegada en 2009 pola receptividade que mostrou a reunirse con eles fronte a unha relación complicada co xeneral Prieto. Como o conseguiu?
Todo o meu esforzo dirixiuse a normalizar a convivencia e a boa veciñanza entre as partes, procurando pola nosa banda minimizar o impacto que as nosas actividades de instrución poidan xerar sobre os núcleos mais próximos ao campo de manobras. Ese foi o principal eixe sobre o que me movín nestes catro anos á fronte da Brilat. Nestes momentos, as relacións volveron á normalidade e só se está pendente da sinatura dun acordo entre comuneiros e Defensa sobre o número de hectáreas e o canon de aluguer que se pacte.
"Manexáronse alternativas de traslado a outras localidades onde existen terreos ou infraestrutura propiedade do Estado para acoller ás unidades da Brilat"
Agora que parece que o convenio entre Defensa e as comunidades de montes está a piques de asinarse, houbo algún momento no que chegou a temer que a Brilat tivese que abandonar Figueirido?
As decisións para a redución de unidades na estrutura do Exército son sempre difíciles e dolorosas e o Estado Maior do Exército sempre busca o mellor para o interese xeral de cara á eficacia da súa estrutura. Afortunadamente, a Brilat como Brigada de Infantería Lixeira, está moi consolidada como unha das mellores Brigadas operativas do noso Exército e, desde este punto de vista, inicialmente, está a salvo dunha posible supresión. Con todo, a situación do chamado conflito dos terreos produciuse nun momento crítico, onde se estaban, e aínda están, analizando cambios importantes na estrutura do Exército. Ademais, tamén coincidiu cos traballos dun relatorio interexércitos, pilotado polo Ministerio de Defensa, sobre a racionalización das infraestructuras.
Esta conjunción de circunstancias propiciou, nalgún momento, certa incerteza, non no futuro da Brilat como Brigada da forza, pero si na súa actual ubicación en Pontevedra, manexándose alternativas de traslado a outras localidades onde existen terreos ou infraestrutura propiedade do Estado para acoller ás unidades da Brilat situadas na Base Xeneral Morillo. Neste sentido, convén recordar que a Brilat non está só en Pontevedra, senón tamén en Asturias e en Valladolid. Se, finalmente, se lograse un acordo coas comunidades de montes sobre os terreos da Base Xeneral Morillo, sen dúbida que contribuirá a despexar as incertezas ás que me referín e daría certa estabilidade á continuidade da Brilat en Pontevedra.
Nestes catro anos baixo os seus mandos a Brilat estivo en diversas misións internacionais, fundamentalmente, en Líbano e Afganistán. Ambas misións están agora na súa etapa de retirada. Cal foi a achega da Brilat en ambos escenarios e no resto nos que se despregou?
Non só a Brilat, calquera unidade do noso Exército que estivo despregada nos distintos escenarios internacionais que os diferentes Gobernos de España nos asignaron, fíxoo con absoluta profesionalidade e rigor. Pero é que, ademais, e aí, ao meu xuízo, radica a diferenza con outros Exércitos, as nosas unidades ademais do aspecto puramente militar e operativo involúcranse e comprométense tamén en atender no posible a vertente social e máis sensible que todo conflito produce nos pobos e nas xentes máis castigadas polos conflitos.
"Existen previsións sobre a posibilidade de despregue en Mali no primeiro semestre de 2014"
Pechada a misión de Afganistán, está xa no horizonte unha nova en Mali. Que previsións hai da participación da Brigada?
A data de hoxe, non existe, aínda, ningunha confirmación oficial sobre a nosa participación en Mali, pero si que existen previsións sobre a posibilidade de despregue no primeiro semestre de 2014.
Nun momento no que o Goberno central e o Ministerio de Defensa está apostando por unha política de recortes, tiveron que apertarse xa o cinto? Como lle afectarán as novas medidas á brigada?
Naturalmente que afectou, do mesmo xeito que o resto das unidades do Exército e tamén de toda a Administración do Estado. Non somos, xa que logo, ningunha excepción e todos debemos ser solidarios no esforzo que se está realizando a nivel estatal para saír desta situación tan complexa e complicada desde o punto de vista económico. Pero iso, non debe ser ningún impedimento para seguir preparándonos do mellor xeito posible e non perder excesiva operatividade. Para iso, temos que ser mais eficientes e imaxinativos no uso dos recursos que a Administración pon á nosa disposición.
O seu cargo ten en Pontevedra gran proxección pública e implica a asistencia a numerosos actos públicos e oficiais. Como lle recibiu á súa chegada, como se sentiu durante a súa estancia aquí e que pensa agora que o deixa?
Realmente non me vou a marchar fóra da provincia de Pontevedra, pois me irei a vivir a Baiona con escapadas ao meu Verín natal. Xa que logo, seguro que, dalgún xeito, seguirei vinculado a Pontevedra onde, ademais, conservo e espero seguir conservando moi bos amigos cos que procurarei seguir mantendo un estreito contacto. Con respecto á cidadanía de Pontevedra, o único que podo dicir, porque así o sento, é de inmensa gratitude. Sentinme, desde o primeiro momento, integrado na cidade onde gocei do aprecio e do exquisito trato das súas xentes.