Desartellan un punto negro de venda de droga nun piso da avenida de Uruguai
Por Redacción
Unha operación conxunta das policías Local e Nacional de Pontevedra permitiu desartellar un punto negro de venda de substancias estupefacientes establecido na avenida de Uruguai. A investigación, que se bautizou como operación Tentáculo, empezou en maio, materializouse o 7 de novembro e concluíu coa detención de dúas persoas e a intervención de 600 doses de droga.
A Policía Local tivo coñecemento en maio da existencia dun punto negro de venda de estupefacientes nun piso da avenida de Uruguai.
Os axentes municipais comezaron as pesquisas e comprobaron que ao piso investigado acudían numerosas persoas, principalmente en horario de tarde e noite, que permanecían poucos minutos no interior do domicilio. Froito das vixilancias efectuadas no lugar, conseguiron interceptar catro vendas de substancia estupefaciente, dous de cocaína e dous de haxíx, que levarían a cabo os investigados.
A Policía Local elaborou un ateigado que remitiu á Policía Nacional e a Fiscalía Antidroga por un presunto delito de tráfico de drogas que se estaba cometendo nese piso. A investigación continuouna desde ese momento o Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría Provincial, que realizou novas averiguaciones e pediu ao xulgado autorización para entrar e rexistrar o piso en cuestión.
O 7 de novembro os axentes someteron a vixilancia o piso investigado e, sobre as 13.30 horas, procedeuse á detención dun dos moradores. Dúas horas máis tarde, sobre as 15.30, unha comisión policial e xudicial entrou no piso. O outro veciño do inmoble non estaba dentro, pero os axentes localizárono minutos máis tarde no seu lugar de traballo e detivérono.
O segundo detido foi trasladado ao seu domicilio para que estivese presente durante o rexistro realizado, que culminou coa incautación de cocaína, haxíx, marihuana e útiles e efectos para a manipulación do estupefaciente e a elaboración de papelinas destinadas ao consumidor final.
No rexistro interviñéronse 83 gramos de cocaína, 262 de sustancia para o corte da cocaína, 59 gramos de haxix, 162 gramos de marihuana, dúas básculas de precisión e 4.400 euros en efectivo. A droga incautada tería un valor no mercado negro, unha vez posta a disposición dos consumidores finais, de 5.950 euros, e poderíanse elaborar máis de 600 doses, entre cocaína, haxíx e marihuana.
Ambos detidos teñen antecedentes policiais. Un é natural de Pontevedra de 47 anos e outro orixinario de Vigo de 45. Ambos foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra.