A Policía Local de Vilagarcía inicia en Trabanca e San Roque a campaña para previr atropelos
Por Redacción
Esta semana ponse en marcha a campaña de prevención de atropelos que promove a Dirección General de Tráfico e na que que colabora a Policía Local de Vilagarcía. Un axente do corpo municipal será o encargado de impartir as sesións que se desenvolverán en todas as parroquias do municipio e que comezan o martes en Trabanca Badiña para continuar en san Roque e Trabanca Sardiñeira.
Peóns e condutores están convocados ás sesións nas que os asistentes recibirán un chaleco reflector para poñer cando camiñen por estradas con pouca luz.
O ciclo de conferencias de sensibilización leva por título "Mira, que che miren" lema que pretende advertir sobre a necesidade de que os peóns miren ben antes de cruzar e tamén de que se fagan ben visibles para os condutores á hora de camiñar de noite, no ocaso ou ao amencer, ou por rúas e estradas con pouca iluminación.
Aínda que están chamados a asistir ás sesións todo tipo de público, a campaña de concienciación presta especial atención ás persoas maiores de 65 anos, xa que é neste colectivo onde se producen o maior número de vítimas de atropelos en Galicia. A campaña tamén se pon en marcha en outono, debido a que un dos factores que tamén inciden moito nos atropelos é a escasa visibilidade que aumenta ao reducirse ás horas de luz natural.
As charlas informativas e de sensibilización continuarán a vindeira semana na casa de cultura de Guillán, no centro sociocomunitario do Ramal, e nos centros sociculturais de Cornazo e Bamio.