O Concello de Barro pretende comprar os terreos da cidade deportiva do Pontevedra CF
Por Redacción
No último Pleno do Concello de Barro el Partido Popular aprobou a compra dos terreos embargados pola Seguridade Social ao Pontevedra Club de Fútbol no monte do Rapadiño en Perdecanai. Os concelleiros do PSOE e do BNG opuxéronse a este acordo.
O grupo municipal do BNG no Concello de Barro cualifica como "outro exemplo de despilfarro do diñeiro público" que o goberno local do alcalde José Antonio Landín Eirín (PP), "decida gastar 81.000 euros nun terreo no monte sen saber se se vai facer algo nel".
No caso dos nacionalistas argumentaron que a compra "non é razoable, cando o Concello malamente pode pagar as nóminas dos funcionarios, cando é incapaz de investir na mellora dos servizos públicos, cando non é capaz de pagar as débedas que ten con outras entidades, ou cando non dá pagado os máis de 100.000 euros a veciños de Barro pola expropiación das súas propiedades", explican.
Pola súa banda o voceiro municipal do PSdeG en Barro, Jose Sanmartín, criticou que o alcalde non dese explicacións ao Pleno sobre o destino deses terreos "o alcalde segue ocultando a finalidade da compra do devandito terreo, que si é verdade que foi comprado a un prezo moi baixo, menos de tres euros o metro cadrado, pero que ás cegas ningunha persoa pode adiviñar para que é", dixo.
Da orde do día do Pleno retirouse a solicitude do diñeiro á caixa de anticipos da Deputación, xa que debido á situación económica do Concello non se pode pedir financiamento para iso.
Os terreos pertencen o malogrado proxecto da cidade deportiva que o Pontevedra CF pretendía edificar no municipio de Barro a través dunha fundación sen ánimo de lucro. A idea rematou nunha simple explanada.